Ao médico e á misa, en galego

A presentación das medidas da Xunta, coa presenza dos conselleiros Gómez Caamaño e López Campos. EP
A Xunta ofertará cursos de lingua aos profesionais sanitarios para mellorar a atención aos pacientes. Ademais, fomenta o emprego nas igrexas coa creación do Misal Romano no idioma

Galicia prepárase para que o galego teña un papel destacado en dúas esferas relevantes para a poboación: nos centros de saúde e nas igrexas. Co ano 2025 xa á vista e cun intenso debate aberto en torno ao emprego da lingua propia á luz do último informe do Instituto Galego de Estatística, a Xunta opta por impulsar o galego en diversas frontes. Son as primeiras accións deseñadas polo Goberno ao abeiro do Pacto da Lingua e que son froito da colaboración entre diversos departamentos do Executivo.

O Servizo Galego de Saúde incorporará cursos de lingua para o persoal sanitario, dentro da campaña Saca a lingua que levas dentro. O obxectivo? Axudar a que os médicos e enfermeiros falen o idioma con naturalidade cos pacientes. Os que se animen sumarán un punto na carreira profesional. 

Para Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, "a lingua é un elemento importante para ofrecer unha atención sanitaria de calidade porque permite conectar coas persoas dun xeito máis próximo e humano". Ademais, revisarase toda a documentación para asegurar que estea dispoñible en galego e tamén se enviará un recordatorio oficial ao persoal sanitario.

Uns 1.500 exemplares do Misal Romano en galego

Pero non queda aí a cousa. O galego tamén quere afianzarse na casa de Deus, nas igrexas. José López Campos, conselleiro de Cultura, presentou onte o novo Misal Romano en galego, unha obra que chega tanto en papel como en versión dixital. Editáronse 1.500 exemplares para distribuír entre as dióceses galegas e, como apunta o conselleiro, isto axudará a "achegarse ás persoas galegofalantes e tamén a prestixiar o idioma" entre os devotos, que non son poucos.

E isto non é só para o altar. A Xunta busca fomentar o galego tamén nas lápidas, esquelas e ata nos letreiros dixitais que se exhíben nos centros sanitarios ou relixiosos. Porque, como di o mesmo López Campos, o galego pode estar en todos os ámbitos e "prestixiarse en escenarios con gran peso na nosa sociedade".