domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

O avespeiro do PSdeG ante as municipais

Sánchez Bugallo, en una imagen de archivo. AEP
Sánchez Bugallo, en una imagen de archivo. AEP

O prazo pechouse o xoves con tres precandidatos en Ferrol, catro na Coruña e cinco en Ourense

O PSdeG irá finalmente a procesos de primarias para elixir aos seus candidatos á alcaldía para as municipais de maio en tres das sete cidades: Ourense, A Coruña e Ferrol. Con Vigo e Lugo resoltos desde o primeiro momento baixo a premisa interna de que calquera alcalde ten dereito a repetir, xa só había dúbidas en Pontevedra e Compostela, onde finalmente o proceso se resolverá con candidato único, sen necesidade de pasar polas urnas o próximo 18 de novembro, aínda que coa obrigación de presentar un 5% de avais antes do día 5.

Regreso de Bugallo a Santiago
Unha negociación resolta in extremis rescatará a quen fose alcalde tres lexislaturas —do 23 de decembro de 1998 ao 22 de maio de 2011— como cabeza de cartel socialista en Santiago. Xosé Sánchez Bugallo era a gran aposta da dirección provincial coruñesa e, a pesar de non convencer do todo a Gonzalo Caballero, a maioría considera que a súa é unha aposta de cabalo gañador. O diálogo iniciado co que se postulaba como o seu único rival, Gumersindo Guinarte, frutificou o xoves pola tarde, de forma que o profesor universitario integrarase na lista de Bugallo, presumiblemente como número tres, xa que o dous ocuparíao, segundo algunhas fontes, Mercedes Rosón, que representaría ao sector máis crítico co exalcalde. Desta forma, na capital galega o PSdeG si podería presumir dunha lista de integración total que mellore os resultados de Paco Reyes en 2015.

Tino, sen rival en Pontevedra
Pechado este xoves o prazo para as precandidaturas, Tino Fernández será o aspirante do PSOE á alcaldía da cidade do Lérez. O concelleiro pontevedrés e actual portavoz municipal expresaba en Diario de Pontevedra a "confianza que transmite ser o único precandidato" e avanzaba que afronta a súa nova etapa con ganas "de devolver esa confianza con traballo para intentar que no Concello se dea unha pasada pola esquerda cun alcalde socialista". Iso si, o seu caso é distinto ao de Bugallo, porque o feito de non ter rivais para as primarias —especulouse co concelleiro Iván Puentes— non significa que non teña enfronte un sector crítico e contestación interna. Ademais, concorre baixo a presión de enfrontarse ao todopoderoso Lores logo de cultivar o PSdeG os seus peores resultados en 2015.

Ourense: sitio distinto
Unha vez máis, a política en Ourense vai por libre, con ata cinco precandidatos e tres deles da mesma corrente, a denominada terceira vía. O aspirante que máis firme parece, de arranque, é o actual portavoz municipal, José Ángel Vázquez Barquero, que foi ademais o primeiro en dar o paso de presentarse. En fronte ten dous sparrings que, a priori, se presupón que non terminarán o proceso e acabarán integrándose nalgunha candidatura: os militantes do montón Jainer Barros e Marcos Diéguez.

Neste sentido, parecen a priori máis potentes o enxeñeiro e integrante da executiva provincial Antón Alonso, home forte desa terceira vía, e a profesora no campus de Ourense e vicedecana de Relacións Internacionais Elena de Prada, que podería aspirar a ser a candidata de consenso. De todos os xeitos, a atomización beneficia sobre todo a Barquero, que tampouco termina de convencer á cúpula galega.

Póker de nomes na Coruña
Outra cidade onde se espera un proceso interno disputado é A Coruña, despois de que ata catro aspirantes formalizasen a súa preinscrición: o avogado Rafael Arangüena, o exportavoz do PSdeG na Coruña e empresario audiovisual Juan Ignacio Borrego, a tamén letrada Inés Rei e o actual portavoz municipal do partido, José Manuel García. Este último partiría co cartel de favorito, tendo en conta que o empuxón deullo a súa madriña política e ata hai pouco máxima responsable, Mar Barcón, que chegou a unha especie de pacto con Gonzalo Caballero e a dirección galega.

Con todo, a executiva provincial preferiría un perfil como o de Rafael Arangüena, curmán do número dous do líder do PSdeG e que se podería etiquetar como o herdeiro do vazquismo. De todos os xeitos e como ocorre en Ourense, só tería opcións se finalmente se produce un man a man contra García, xa que a existencia de máis aspirantes fragmenta e debilita as alternativas.

Tensión na polvoreira de Ferrol
O último proceso de primarias na cidade departamental, para designar líder da agrupación local, acabou con recursos e expedientes en Ferraz, o que dá boa mostra de que o socialismo en Ferrol é unha polvoreira. De arranque, o senador Ángel Mato, derrotado precisamente nese último proceso ante Beatriz Sestayo, sería o candidato co cartel de favorito e que gustaría tanto na executiva provincial como na galega. Pero o xoves, antes de pecharse o prazo, apareceron dous aspirantes máis: o concelleiro Germán Costoya e o dirixente da corrente Esquerda Socialista Antonio Golpe, que xa anunciara a súa candidatura a comezos desta semana. O que ocorra en Ferrol, como case sempre, é algo que se antolla impredicible. 

Continuidade en Vigo e Lugo
Normalidade na cidade olívica con Abel Caballero e na bimilenaria con Lara Méndez, que concorrerán en maio sen discusión.

O avespeiro do PSdeG ante as municipais
Comentarios