Baixan os casos activos en Galicia por primeira vez en días

A comunidade segue á baixa en positivos diarios, con 541, tras importantes caídas nas áreas de Vigo e Lugo 
Señoras falando nunha rúa de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Señoras falando nunha rúa de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Galicia continúa a súa tendencia á baixa no número de positivos por coronavirus detectados por PCR, con 541 nun só día, o que supón un descenso con respecto a xornadas pasadas. Esta situación débese a que todas as áreas sanitarias rexistraron descensos ou estabilizacións na incidencia da covid-19, segundo reflicten os datos actualizados na mañá deste domingo na web da Consellería de Sanidade, con cifras recollidas até as 18.00 horas do sábado.

En canto aos casos activos —é dicir, persoas que aínda padecen a enfermidade—, descenderon por primeira vez en días, a 10.109. Isto supón que este domingo hai 167 pacientes menos de covid-19 na c omunidade galega. Así, baixaron en seis do sete áreas sanitarias. A de Vigo, que este sábado marcaba récord da pandemia, contabiliza este domingo 2.503 casos activos (-27 con respecto a un día atrás); mentres que A Coruña-Cee conta con 1.868 (-18). 
Tamén descenderon os pacientes da área de Santiago-Barbanza, a 1.226 (-63); Lugo-A Mariña Monforte, a 1.127 (-30); Ourense-Verín-O Barco, que ten 1.082 (-14); e Ferrol, con 1.071 (-18). 

De acordo cos datos deste domingo, tan só a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés subiu, aínda que lixeiramente (+3), os casos activos, até un total de 1.232. 

NOVOS CONTAXIOS. a área sanitaria da Coruña-Cee foi a que máis novas infeccións contabilizou, con 136, tan só unha máis que no parte anterior.  Tamén ascenderon os contaxios detectados, aínda que lixeiramente, na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, a 61 (+7); e na de Ferrol, a 43 (+3). 

No lado contrario está a área de Vigo, que até agora lideraba en contaxios pero que nos datos deste domingo sumou 112 PCR positivas, 53 menos. Mentres tanto, os novos casos reportados tamén diminuíron nas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, a 68 (-7); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 61 (-38); e en Santiago-Barbanza, a 60 (-11). 

Así mesmo, os datos de Sanidade reflicten que nas últimas 24 horas se deu o alta a 707 persoas diagnosticadas de covid-19, até situar o total de curados desde o inicio da pandemia en 30.662.  Con todo, na tarde deste sábado a Consellería notificaba cinco novos falecementos con coronavirus —un deles procedente dunha residencia de anciáns—, polo que o total de vítimas mortais en Galicia se coloca xa en 981. 

Comentarios