El tiempo
viernes. 02.12.2022
El tiempo

O Belén de Ourense desata polémica e a cidadanía pide a súa retirada

Vista dalgunhas figuras que compenen o Belén de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
Vista dalgunhas figuras que compenen o Belén de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
Unha campaña impulsada en change.org defende que o compoñen figuras horripilantes, animais irrecoñecibles e castelos de saldo, feitos con caixas de electrodomésticos

En Nadal abundan os beléns pero moi poucos se converten en trending "topic", como ocorreu co de Ourense, que foi merecedor dunha campaña impulsada en change.org para pedir a súa retirada ao entender que o compoñen figuras horripilantes, animais irrecoñecibles e castelos de saldo, feitos con caixas de electrodomésticos.

E se non era suficiente, desde este venres falta o Neno Xesús mentres que a unha das figuras fáltalle unha man.

Desde que se instalou na praza de Bispo Cesáreo, non son poucos os usuarios que optaron por tirar do humor para referirse ao estraño pesebre que acolle a cidade e que xa comparan cun capítulo de Walkind Dead, os "yonkizombies" e incluso co Ecce Homo de Borja, que chegou -este último- a converterse en tema do momento pola súa defectuosa restauración, tal e como recolle unha usuaria. 

O estraño pesebre sepárase tanto dos canons tradicionais que un tuiteiro alertaba de que pode "provocar traumas severos sobre a mocidade" e "crise de ansiedade" tras a "visión dos romanos".

Tamén o comparan cun "folión de carros de Chantada logo de tres katrinas". "Se este é o Belén Vivente de Jácome, hai que chamar ao 061" pódese ler nas mensaxes de Twitter. 

Tal é a expectación, que incluso un usuario propuña "construír unha canle desde o río Barbaña ata a Alameda para que as inundacións leven por diante" o Belén de Jácome, en alusión ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. 

Polo momento, este pesebre vai camiño de converterse en trending topic, á altura do Nadal de Vigo en canto a repercusión mediática, aínda que con máis dúbidas sobre a súa calidade.

A escenografía, integrada por unha Virxe María e un San Xosé, de ollos rasgados, os animais e dous centuriones romanos que custodian o castelo de Poncio Pilatos, convertéronse en pasto de memes.

Mentres, desde o concello tratan de capear o aluvión de críticas como poden.

"Non saíu como esperabamos", recoñeceu a Efe un decepcionado Mario González, concelleiro de Cultura do consistorio. O Concello de Ourense adxudicara a súa instalación e mantemento a unha empresa de forma directa, cun contrato menor, por un custo final de 18.000 euros.

De feito, explicou que o goberno local buscou en todo momento abrir este proceso a todas as empresas que quixeron participar pero só se presentaron dúas, unha das cales foi descartada porque a proposta "non cumpría" os requisitos que se pedían.

Tras ver as figuras da empresa gañadora, barallaron incluso a posibilidade de "levantar" o pesebre, admitiu o concelleiro.

Polo momento, o polémico Belén provocou a posta en marcha dunha iniciativa en change.org para pedir a súa retirada "canto antes", posto que o equiparan cun "pesadelo" máis propio dun evento "macabro".

Nela, os seus detractores critican a presenza de figuras "horripilantes, vestidas con traxes de saldo, animais que non se recoñecen" e "castelos feitos con caixas de electrodomésticos", que, advirten, "pode acabar co espírito do Nadal de calquera familia".

O Belén de Ourense desata polémica e a cidadanía pide a súa retirada
Comentarios