O BNG acusa a Sanidade de ignorar a atención a mulleres con endometriose

"Se fosen homes sería diferente", declarou a deputada Montse Prado

O Grupo Parlamentario do BNG na Cámara galega acusou á Consellería de Sanidade de ignorar a atención á endometriose, unha doenza que padecen 60.000 mulleres en Galicia. "Se fosen 60.000 homes a resposta sería outra. Non aceptamos que se nos diga ás mulleres que é normal vivir con dor por ser mulleres", aseverou a deputada Montse Prado. 

Así se pronunciou a parlamentaria nacionalista durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, onde formulou unha pregunta dirixida ao Sergas sobre a "falta" de cumprimento do acordo parlamentario aprobado no ano 2015 para a creación de unidades especializadas en Galicia para o tratamento desta doenza, que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil. 

O encargado de responder á pregunta foi o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que indicou que Sanidade traballa con "a formación e a atención personalizada" como "eixos" para avanzar neste ámbito. 

Neste sentido, asegurou que ao hospital de Santiago "só lle falta pór o nome na parede" porque, a pesar de non ter o título de unidade de endometriose, "trátanse os casos complexos de forma disciplinar" a través dun "circuíto asistencial" no que participan xinecólogos, matronas, médicos de familias e pediatras. 

Con todo, a deputada do BNG lamentou que "os avances sexan escasos", o que continúa provocando que "ante a falta dunha unidade en Galicia, haxa que mulleres que sigan sendo derivadas a Madrid". 

"Esta é unha enfermidade incomprendida por ser unha doenza de xénero", aseverou Prado, que agradeceu o traballo da Asociación Querendo grazas á cal a endometriose "é un tema que está en axenda". 

Comentarios