Os bombeiros sufocan un incendio nun barco no estaleiro Cardama de Vigo

A causa do lume foi un curtocircuíto nunha secadora da área de lavado e secado da embarcación
Estaleiro Cardama, en Vigo. TWITTER
photo_camera Estaleiro Cardama, en Vigo. TWITTER
Os Bombeiros de Vigo tiveron que intervir na madrugada deste domingo para sufocar un incendio "importante" declarado no interior dun barco de grandes dimensións situado no estaleiro Cardama, situado na Avenida Beiramar, en Vigo.

Segundo confirmaron fontes dos Bombeiros, a causa do incendio foi un curtocircuíto nunha secadora da área de lavado e secado da embarcación, que calcinou toda a zona e afectou a uns cantos camarotes.

O incendio produciuse pasadas as once da noite, momento en que varios veciños da zona advertiron ao 112 Galicia do suceso, e os bombeiros, que desprazaron catro camións ata o lugar do sinistro, dous do parque de Teis e outros dous do de Balaídos, dérono por extinguido ás 2.30 horas.

Segundo o 112, ademais dos Bombeiros de Vigo, solicitouse a intervención da Policía Nacional e Local e da Garda Civil; ademais, informouse o lume a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

O barco atópase agora mesmo en reparación e, a pesar da importancia do incendio, non sufriu maiores danos.