O bono turístico da Xunta inxectou preto de 300.000 euros na ponte do Pilar

O Goberno galego confirma a "reactivación do sector en Galicia logo dun verán no que se superaron os rexistros do ano 2019"
Varias persoas camiñan pola rúa do Franco, en Santiago de Compostela. ARXINA
photo_camera Varias persoas camiñan pola rúa do Franco, en Santiago de Compostela. ARXINA

O bono turístico da Xunta supuxo unha inxección de 282.647 euros durante o ponte do Pilar, o que a xuízo do Goberno galego confirma "a reactivación do sector en Galicia logo dun verán no que se superaron os rexistros do ano 2019".

O gasto feito polos usuarios do bono nestes días festivos coincide cunha ocupación nos establecementos hostaleiros que, nalgunhas localidades turísticas, "achegouse ao cento por cento da súa capacidade".

Entre o venres 8 e o martes 12 de outubro, realizáronse 1.475 operacións co bono turístico, por un importe de compras de 282.647 euros.

Isto supón cerca do 14 por cento da actividade dunha iniciativa, a do cartón #QuedamosEnGalicia posta en marcha pola Xunta para reactivar o sector.

En total, desde o mes de xuño e o 12 de outubro realizáronse 10.447 operacións cun importe de compras de 2.118.641 euros.

As previsións da Xunta pasan por mobilizar a través do bono turístico 7,8 millóns de euros no sector en todo 2021.

Comentarios