jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

En busca de alternativas para os áridos das Rías Baixas

Traballos de dragado na ría de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Traballos de dragado na ría de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
O depósito de materias primas do solo resultantes das dragaxes debe ser autorizado para cada actuación, aínda que se utilizarán preferentemente as zonas permitidas previamente. Na actualidade, o punto de depósito de Sálvora está no aire despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica requerise un estudo de alternativas 

O pasado mes de maio o Ministerio de Transición Ecolóxica informou a Portos de Galicia da súa decisión de non permitir máis depósitos de áridos no punto de depósito E8 que viña sendo autorizado con carácter recorrente desde 1998 no exterior da ría de Arousa, por fóra da contorna da illa de Sálvora, ata a presentación dun estudio de alternativas.

Esta decisión afecta ao conxunto das dragaxes previstas para todo o sur de Galicia (dende Muros cara ao sur).

Ante esta situación, Portos de Galicia impulsou con carácter urxente unha comisión técnica coas Autoridades Portuarias de Vilagarcía, Marín e Vigo, dependentes de Puertos del Estado e afectadas tamén pola decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica, para elaborar un estudo de alternativas conxunto.

Ademais, Portos de Galicia impulsa tamén unha mesa de traballo coas confrarías de pescadores a través da Federación Galega, as organizacións de produtores e outras entidades profesionais, xunto coas administracións implicadas para afondar nas alternativas para axilizar ao máximo e con garantías a autorización do novo punto de depósito.

Os áridos extraídos nos procesos de dragaxe realizados entre o 2001 e 2021 foron reutilizados nun 54% mentres que o 46% foi depositado en puntos autorizados.

O Punto de depósito de áridos E8, no exterior da ría de Arousa, viña sendo autorizado de xeito recorrente dende 1998

O depósito destes materiais debe ser autorizado para cada actuación, aínda que as zonas permitidas previamente serán utilizadas preferentemente fronte ao establecemento de novas zonas, debéndose facer un estudo que valore os efectos ambientais dos vertidos anteriores realizados nas mesmas. Este estudo ten un periodo de validez de cinco anos.

Entre os puntos autorizados recentemente están zonas cercanas a Foz, Burela, Celeiro e Laxe mentres que no bando contrario está o Punto E8, coñecido como Sálvora, revisado o pasado mes de maio polo Ministerio de Transición Ecolóxica e condicionado a un estudio de alternativas.

Mentres non se autorice un novo punto ou se reabra Sálvora, vense afectadas por esta situación todas as dragaxes dende Muros cara ao sur.

A dificultade deste estudio radica na grande superficie a analizar. Máis de 1.200 quilómetros cadrados de fondo mariño, así como as restricións de uso, explotación, protección...

Condicionantes. Portos de Galicia, debido á necesidade de acometer de forma continuada dragaxes de mantemento periódicos nos portos da comunidade, considera que para unha adecuada xestión dos portos baixo a súa competencia segue sendo necesario ampliar a rede de puntos de vertedura empregados ata a data, de forma que se poidan levar a cabo os traballos de mantemento das condicións de navegabilidade das suas instalacións portuarias dentro dunhas condicións técnicas e económicas viables, no marco irrenunciable da sustentabilidade ambiental.

A maior ou menor necesidade de puntos de vertedura vén determinada polas condicións dos portos existentes, tanto físicas (dimensións, ocupación da lámina de auga, calados obxectivo) como das necesidades periódicas de dragaxe.

Portos de Galicia considera necesario ampliar a rede de puntos de vertedura de dragados para unha adecuada xestión dos portos 

Entre os condicionantes básicos que se teñen en conta habitualmente para a selección de novas zonas de vertedura están as dimensións das dragas que resultan operativas nos portos.

Na maioría dos portos son viables dragas con cántaras que non superan os 250 metros cúbicos de capacidade e tan só en grandes dársenas ou cando se trata de obras de ampliación ou nova execución é posible operar con dragas de maior porte e capacidade.

Tamén é importante ter en conta as distancias aos portos afectados que permitan unhas condicións razoables de rendemento para o tipo de dragas a empregar.

Por outra banda, están as limitacións de operatividade que supoñen as condicións medias do clima marítimo da costa galega. Dita condición é especialmente crítica no inverno, pero tamén se producen problemas con certa frecuencia durante épocas estatisticamente favorables (marzo-outubro) xa sexa por mar de fondo ou por ondada de vento.

Outros dos condicionantes básicos que tamén afectan á hora da selección de novas zonas de vertedura son evitar espazos protexidos, evitar zonas con especies protexidas, evitar caladoiros,fondos de natureza sedimentaria e, fundamentalmente, zonas de baixa dinámica que fagan prever granulometrías do tipo de areas finas

Tamén hai que ter en conta profundidades da contorna dos 100 metros, onde a intensidade da pesca de baixura é moi reducida e supón o límite autorizado para a pesca de arrastre.

Outra das condicións para autorizar novos puntos de vertedura e evitar xacementos arqueolóxicos e as súas zonas de protección.

En busca de alternativas para os áridos das Rías Baixas