jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Caballero apoia as medidas da Xunta, pero pide contratos estables para o persoal sanitario

Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)
Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)
Volve criticar que Feijóo "use o primeiro Consello tras suspender as eleccións" para "colocar" a doce dos seus candidatos 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que apoia as medidas en clave económica, sanitaria e social aprobadas pola Xunta para combater a crise do coronavirus, moitas, remarcou, "na liña do que propuñan" os socialistas galegos. Pero instou a adoptar "máis" porque "queda moito traballo por facer" e apuntou que resulta fundamental dotar de contratos "estables" ao persoal sanitario. 

Nunha rolda de prensa 'online', Caballero recoñeceu que a Xunta está a adoptar "medidas positivas" na loita do coronavirus "seguindo as indicacións do PSdeG" con algún paso dado no ámbito sanitario e económico, pero engadiu que, aínda que estas iniciativas van "na boa dirección", hai que "seguir traballando" sen quedar "nunha resposta de curto alcance". 

Caballero tamén reivindicou as medidas impulsadas polo Goberno central por importe duns 200.000 millóns de euros e destacou a activación dun fondo extraordinario para paliar problemas de política social -polo que 17 millóns virán á Comunidade galega-; así como o plan para garantir dereitos a menores en situación de vulnerabilidade (como a alimentación que antes recibían nos comedores escolares), que destina case 2 millóns para os galegos. 

"Son medidas de gran calado e cunha cantidade de fondos sen precedentes", reivindicou, antes de instar á Xunta a seguir ampliando as súas tamén "nas próximas semanas". 

CONTRATOS ESTABLES. "Apoiamos todas as medidas da Xunta, pero hai que seguir avanzando. Queremos pedir un novo tempo para políticas sanitarias e o tratamento dos recursos da sanidade após máis de dez anos de recortes", advertiu, antes de incidir en que parte das "dificultades" que pode sufrir o sistema de saúde público galego derivan deses "recortes". 

En concreto, após destacar o traballo dos sanitarios, urxiu "cambiar as políticas de persoal do Sergas" e que "todos os seus traballadores teñan desde hoxe mesmo un contrato estable para poder traballar con garantías e estabilidade". "Que todo o seu esforzo teña recompensa, é un dereito mínimo", sentenciou.

Caballero apoia as medidas da Xunta, pero pide contratos estables...
Comentarios