domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

Caballero chama a Rueda "mentireiro profesional"

Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O PP sospeita que o alcalde "adulterou" o expediente do Marisquiño e que ocultou información

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de mentireiro "profesional" tras a súa intervención este martes na comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño.

"Mentiu no Parlamento de Galicia", proclamou Caballero, quen insistiu no argumento de que a xuíza que instrúe o caso sinala nunha providencia na que retirou o precinto xudicial da zona do accidente que é a Autoridade Portuaria de Vigo a de debe garantir a seguridade nas Avenidas.

Caballero reiterou que foi o porto o que autorizou o concerto que se estaba celebrando no momento no que veu abaixo a pasarela de madeira.

Fixo fincapé en que o protocolo e todo o operativo de urxencias funcionou "ben" e que aínda hoxe segue esperando explicacións pola ausencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do vicepresidente, Alfonso Rueda, o día do accidente.

"Esta comisión é un show e está para contar mentiras", resolveu Caballero.

O PP sospeita que goberno de Vigo "adulterou" o expediente do Marisquiño

Por outra banda, o PP anunciou que ten "fundadas sospeitas" de que o Goberno local de Vigo "adulterou fraudulentamente" o expediente administrativo sobre o accidente rexistrado o verán pasado durante a celebraicón do festival O Marisquiño nun "intento desesperado de tapar as súas vergoñas".

O deputado do autonómico do PPdeG Alberto Pazos indicou nunha conferencia de prensa que chegou a esta conclusión tras analizar a documentación que o Concello de Vigo remitiulle tras pedilo, xunto á súa compañeira parlamentaria Teresa Egerique, a título particular, e que presenta "diferenzas importantes" con respecto ao achegado á oposición.

Pazos apuntou que ao expediente foron incorporados algúns documentos "de forma irregular", sen que conste na documentación achegada "nin selo de entrada, nin rexistro electrónico nin email que xustifique o seu envío", en contra do que sostivo o alcalde, Abel Caballero, ante a comisión parlamentaria de investigación.

Entre eses documentos figuran, segundo denunciou o deputado popular, o seguro de responsabilidade civil, unha declaración xurada do promotor do festival e unha certificación das estruturas que se desmoronaron e deixaron preto de medio milleiro de feridos.

Todos eles, asegurou, "son posteriores ao que o Concello de Vigo define como autorización do evento", que se limita ao descenso en bicicleta e aos concertos musicais, non á globalidad do festival, segundo sostén.

"¿Seica primeiro deron autorización e logo comprobaron que se cumprían os requisitos para dala?, ¿Onde están os certificados das instalacións, os boletíns de instalación eléctrica, a documentación dos postos de restauración, escenarios, bancadas?", preguntouse.

Pazos denunciou tamén que entre a documentación que lle acaba de facilitar o Concello de Vigo figuran tres informes sobre a reunión de seguridade celebrada no porto e que foron elaborados quince días logo daquela, e tres despois do accidente.

Así mesmo, criticou que o Goberno local de Vigo ocultase "de forma consciente" outros documentos con data de entrada en rexistro anterior a que se atendese a solicitude de información por parte dos grupos da oposición.

Unha serie de documentos que, recalcou o deputado, Caballero exhibiu na comisión parlamentaria de investigación sobre o accidente, na que asegurou que "toda a documentación foi recibida por rede e acreditada a súa entrada".

Pazos deduciu que o alcalde de Vigo "mentiu ao Parlamento, aos cidadáns e ás vítimas" do accidente de O Marisquiño, e salientou que o Código Penal prevé penas de cárcere para este tipo de actitudes.

Caballero chama a Rueda "mentireiro profesional"
Comentarios