Caballero esixirá á Sareb que finalice un edificio de luxo tomado por okupas

Trátase do número 54 da Gran Vía, no que xa se rexistrou un incendio o pasado mes de marzo
Abel Caballero. SALVADOR SAS (Efe)
photo_camera Abel Caballero. SALVADOR SAS (Efe)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo este mércores que esixirá a Sareb que finalice un edificio da súa propiedade situado á beira da céntrica Praza de España e que foi tomado por okupas.

"Nós non temos ningunha denuncia en contra dese edificio, pero a raíz do coñecemento que teño neste momento voulle a urxir á Sareb que poña ese edificio en condicións e acabe a obra", dixo o alcalde en rolda de prensa.

O edificio, no número 54 da Gran Vía viguesa, fai esquina coa Rúa Honduras e xa foi noticia o pasado marzo, cando os Bombeiros tiveron que acudir a sufocar un incendio provocado por persoas sen fogar na planta baixa do edificio.

Desde entón, o número de indixentes non parou de aumentar e, segundo os veciños, incluso se mudaron a el familias durante a pandemia.

Inacabado desde hai anos, o edificio, con seis plantas e baixo cuberta, estaba destinado a vivendas de luxo polas que se chegaron a pedir máis de medio millón de euros, pero acabou en mans do chamado banco malo e actualmente carece de servizos básicos, como auga corrente e electricidade.

"É intolerable que a Sareb teña un edificio no centro de Vigo sen acabar, a medio camiño, e sen, xa que logo, cumprir coa súa obriga, que é atender as necesidades da cidade e ter o seu lexítimo beneficio, como corresponde", engadiu o alcalde.

Tapiado precariamente con taboleiros, ninguén sabe exactamente en que condicións está actualmente o interior do inmoble pero os veciños da zona presumen unha notable ausencia de hixiene á que Sareb deberá porlle fin.

"Non lle imos a tolerar que teña un edificio abandonado", dixo alcalde. 

Comentarios