domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Caballero estréase no Parlamento coa promesa de loitar polo "cambio"

Gonzalo Caballero promete o seu escaño. XOÁN REY (EFE)
Gonzalo Caballero promete o seu escaño. XOÁN REY (EFE)
O líder socialista considera que o PPdeG atravesa "unha fase de retroceso político histórico

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu este mércores o seu escano como deputado autonómico do Parlamento galego e, na súa toma de posesión, manifestou o seu compromiso para traballar por un "cambio" político e social en Galicia.

En declaracións aos medios previas ao comezo do Pleno extraordinario onde asumiu a súa condición plena de deputado, Caballero dixo encarar "con humildade", "con responsabilidade" e "tamén con honra" esta nova faceta, que o leva a ter responsabilidades no plano autonómico por primeira vez na súa traxectoria política.

Así mesmo, afirmou que acode á Cámara galega, cuxa tribuna encheron na mañá deste mércores cargos orgánicos e institucionais do partido para presenciar a súa toma de posesión, co obxectivo de "traballar por un proxecto de cambio por unha Galicia nova" e "rexenerada democraticamente" a través da creación de máis oportunidades para os mozos e dun "impulso nos servizos públicos".

Do mesmo xeito, o dirixente socialista observou que o seu partido está "en condicións de darlle ao país un cambio no modelo económico" e "na estrutura electoral e social do país".

Facer visibles estas posibilidades, engadiu Caballero, será un dos obxectivos do seu traballo parlamentario, que se centrará en "trasladarlle ao país" que o PSdeG está capacitado para relevar a Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.

Precisamente, sobre o presidente galego subliñou que "cada vez" que este "acuda e compareza no Parlamento", el mesmo estará "para contrastar as súas formulacións coas novas ideas" que os socialistas queren implantar en Galicia.

Caballero mostrouse confiado de lograr estes retos, tendo en conta –apuntou– de que o PPdeG atravesa "unha fase de retroceso político histórico en España e en Galicia" que o PSdeG está a ser capaz de aproveitar para crecer electoral e socialmente.

"Non podemos baixar a garda ningún minuto", advertiu así o líder do PSdeG, que valorou o apoio que mostran as enquisas e estudos demoscópicos, pero que insistiu en que son simplemente datos e que fai falta traballar sobre eles para consolidalos e convertelos en realidade.

No Pleno deste mércores no Parlamento galego tamén tomou posesión do seu escano a nova deputada socialista pola provincia da Coruña María Teresa Porritt, que realizou a súa promesa xusto a continuación da intervención de Gonzalo Caballero.

Caballero estréase no Parlamento coa promesa de loitar polo "cambio"
Comentarios