Cae notablemente o número de parellas galegas que se divorcia en Galicia

Foron un 8,6% menos que o ano anterior ►A maior parte foron de mutuo acordo e o 36,8% dos matrimonios rotos levaban máis de 20 anos casados
Unha parella, no día do seu enlace. PIXABAY
Unha parella, no día do seu enlace. PIXABAY

Galicia rexistrou ao longo de 2018 un total de 4.953 divorcios, o que supón un 8,6% menos que o ano anterior. Destes, a maior parte foron de mutuo acordo e o 36,8% dos matrimonios rotos levaban máis de 20 anos casados. 

Así o reflicte a estatística de rupturas matrimoniais feita pública este luns polo Instituto Nacional de Estatística, que recolle que Galicia é unha das comunidades españolas con menor taxa de rupturas, concretamente a cuarta pola cola, por encima de País Vasco, Estremadura e Castela e León. 

Ao longo do ano pasado producíronse na comunidade 4.953 divorcios, 466 menos que o ano anterior. Deles, o 77% (3.814) foron de mutuo acordo, mentres que 1.138 terminaron nos tribunais. 

Así mesmo, o 36,8% dos matrimonios divorciados ao longo do ano pasado en Galicia levaba máis de 20 anos casados, mentres que outro 30,7% levaba entre 10 e 19 anos. Case a metade dos matrimonios divorciados non tiñan fillos dependentes e 19 eran de persoas do mesmo sexo. 

SEPARACIÓNS. Por outra banda, en 2018 producíronse en Galicia 213 separacións, 20 máis que o ano anterior. O 86% foron de mutuo acordo (184), mentres que 29 foron por vía contenciosa. 

A maiores, 8 de cada 10 parellas separadas durante o ano pasado levaban casados 10 ou máis anos, en concreto 185. Aproximadamente a metade, 105, non tiñan fillos dependentes. Finalmente, a enquisa recolle que en 2018 producíronse en Galicia dúas nulidades matrimoniais.

Comentarios