sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Os candidatos dedican ao paseo e a familia unha xornada de reflexión con chamadas a votar

Os candidatos, na xornada de reflexión. EFE
Os candidatos, na xornada de reflexión. EFE

Os candidatos á presidencia da Xunta coincidiron tanto en dedicar a xornada de reflexión ás súas familias e amigos como nos chamamentos á participación, no caso do popular Alberto Núñez Feijóo cunha crítica velada a aqueles que cre que intentaron "sementar dúbidas" e aos que entende que acalou o Tribunal Supremo ao rexeitar postergar os comicios na Mariña.

Feijóo coa súa nai en Vigo. EFE

O candidato á reelección confiou este sábado en que a festa da democracia conte cunha alta participación, tras indicar que os galegos son "moi intelixentes" e distinguen "o ruído" e, xa que logo, ese certo interese que el percibe de, "polo menos, sementar dúbidas". 

En Vigo, acompañado pola súa nai, Sira, Feijóo incidiu en que este proceso electoral, pola pandemia, debe vivirse con prudencia e responsabilidade, pero necesariamente debe prevalecer a "contundencia" que esixe a situación sanitaria, económica e social "que vivimos en toda España e por suposto tamén en Galicia". 

Caballero, este sábado cos seus pais e a súa irmá en Ponteareas. EFE.jg

Pola súa banda, o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu "participación máxima" na xornada electoral porque, se hai tal mobilización, "gañamos todos". Fíxoo no seu Ponteareas natal, onde viven os seus pais. 

"Xogámonos o futuro da Galicia que queremos", dixo, para destacar que "o poder do voto" de cada cidadán é o que determina o futuro de Galicia, polo que pediu que "ningún galego quede en casa". 

Ana Pontón, en Santiago. EFE

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, dirixiuse especialmente aos indecisos para que dediquen a xornada de reflexión a pensar "en que país queren vivir" posto que "o que está en xogo é o noso futuro". Xunto a compañeiros das diferentes provincias, a nacionalista pediu aos cidadáns desde Santiago que acudan a votar e que o fagan "pensando en facer realidade o soño" da Galicia que queren construír, "coa que soñan". 

Pontón aproveitou a xornada para tomar algo na capital galega con amigos e familiares, entre eles a súa filla Icía, e expresou o seu agradecemento "a todas as persoas que se implicaron na campaña" do BNG, tanto á militancia como á xente "non militante" que lle brindaron "apoio" e trasladaron "agarimo e ilusión". 

Gómez-Reino, na Coruña. EFE

A cabeza de cartel de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, expresou a súa preocupación pola "incerteza a nivel sanitario e democrático" da Mariña. "Toca, non só reflexionar, senón estar moi atentos ao que continúa pasando, se hai algunha novidade por parte da Xunta de Galicia e do Goberno do PP que vaia no sentido de garantir que os cidadáns da Mariña poidan votar con normalidade", sostivo en declaracións aos xornalistas na Coruña

A partir de aí, chamou aos galegos a "expresar democraticamente a súa vontade de facer un país diferente a partir do día 13", o día seguinte á votación. 

Gómez-Reino aproveitou a xornada de reflexión para mergullarse na cala de San Roque, na Coruña

Pancho Casal, no Burgo. EFE

O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, indicou que a "sustentabilidade" en Galicia é un "eixo fundamental". Casal, xunto a cabezas de lista da súa formación, deu un paseo pola ría do Burgo, en Culleredo, onde quixo reflexionar sobre a situación da antiga fábrica de abonos de Cros, abandonada desde os anos 80. 

Non participou nesta cita a cabeza de lista de Marea Galeguista por Lugo, Iván Rodríguez, porque está en Ribadeo, territorio que ten os accesos pechados polo rebrote de coronavirus.  

Beatriz Piñeiro, en Vigo. EFE

A aspirante de Ciudadanos, Beatriz Pino, dedicou a xornada de reflexión a pasear, xunto ao seu can, por Vigo, a súa cidade, onde se ha detivo nun banco e, como os demais aspirantes, animou á participación na festa da democracia. A xornalista compartiu previamente na súa conta de Twitter unha mensaxe da presidenta de Cs, Inés Arrimadas, na que esta lle agradece a campaña feita e o demostrar que a formación laranxa é "a opción de todos eses galegos que queren un goberno mellor para a súa terra e que non renuncian a un proxecto moderno e de centro". 

Todos as cabezas de lista de Vox, partido que non se presenta con ningún candidato diferenciado á presidencia da Xunta, aproveitaron para estar xunto ás súas familias logo dun mes de intensa actividade electoral e para practicar algo de deporte. No seu caso, agardan un oco na Cámara.

Os candidatos dedican ao paseo e a familia unha xornada de...
Comentarios