Catro feridos tras saírse da vía o vehículo no que circulaban pola A-52 en Mos

Testemuñas apuntaron que o turismo dera varias voltas de campá e quedara envorcado na vía

Catro homes resultaron feridos nun accidente de tráfico rexistrado na noite deste xoves tras saírse da vía o vehículo no que circulaban na autovía A-52 ao seu paso polo termo municipal de Mos. 

Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar pouco antes das 23.00 horas no enlace da A-52 coa A-55 en sentido Vigo. Testemuñas apuntaron que o turismo dera varias voltas de campá e quedara envorcado na vía. 

Tras recibir a alerta, os xestores de urxencias do 112 Galicia informaron a persoal sanitario. Tamén foron avisados os Bombeiros do Porriño, os axentes de tráfico e aos efectivos do Servizo Municipal de Urxencias de Mos. 

Ao lugar, sinalaron a Europa Press fontes sanitarias, o 061 desprazou dúas ambulancias; unha medicalizada que levou ao Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, a un home de 45 anos, e outra asistencial que trasladou ao centro hospitalario Fátima a tres homes de 46, 44 e 22 anos de idade.