Chegan ao Obradoiro os participantes no terceiro 'Camiño dos Valores'

En total foron 300 persoas, das cales 200 mozos, as que formaron parte desta iniciativa

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, deu este domingo a benvida aos participantes na terceira edición de 'O Camiño dos Valores', unha iniciativa posta en marcha pola organización non gobernamental UP2Ou Project Depende de Ti e que se serve dos valores solidarios da peregrinación para promover a inclusión daqueles mozos que, por diversas razóns, están en situación de vulnerabilidade.

En total foron 300 persoas, das cales 200 mozos –120 procedentes de Canarias e 80 de distintas provincias do Estado–, as participantes nesta iniciativa para “potenciar a dimensión social da ruta xacobea e fomentar os valores do legado xacobeo”.

Nesta liña, Román Rodríguez agradeceu o traballo realizado polos responsables da asociación, os maxistrados Reyes Martel e José Antonio Vázquez Taín, a presidenta da ONG e o responsable da delegación en Galicia, e explicou que as sendas de peregrinación funcionaron desde a súa orixe “como unha vía de civilización na que se unifican distintas culturas” e que é precisamente esta diversidade a que fai posible que a ruta xacobea “sexa moito máis que un camiño”.

“No Camiño dos Valores o importante non é a chegada a Santiago, senón participar nun proceso vivencial e espiritual no que paso a paso constrúense novas experiencias, relacións, aprendizaxes e valores”, sostivo o representante da Xunta antes de recordar que peregrinar ata Compostela é aprender que “é necesario esforzarse para chegar á meta e que todo esforzo ten a súa recompensa”.

Durante os días na súa estancia en Galicia os participantes desta iniciativa estiveron hospedados no albergue xuvenil de Gandarío.

Comentarios