O Entroido é por definición a festa máis subversiva do ano. Unha festa na que os costumes se relaxan, os roles se inverten e un pode rir de todo.
O Entroido galego –tamén chamado Antroido o Introido, entre outras denominacións–, é ademais unha celebración de longa tradición popular, sobre todo na provincia de Ourense. E hoxe goza de moi boa saúde, aínda que algúns ritos e peculiaridades xa se perderon e outros estean en proceso de recuperación.
Non hai que esquecer que Galicia foi unha das poucas rexións de España que continuou celebrando o carnaval a pesar da prohibición. Hoxe a importancia do Entroido é tal que nove carnavais galegos exhiben con orgullo a cualificación oficial de Festa de Interese Turístico. E máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o Luns ou Martes de Entroido ou o Mércores de Cinza. Unha celebración por todo o alto á que calquera se pode unir.
Na provincia de Lugo destaca con nome propio o Entroido Ribeirao, que neste 2023 volveu con moita forza o pasado día 5, no coñecido como domingo Lambedoiro, despois de dous anos e nunha edición na que os convidados dos volantes, os maragatos e os mecos foron os Fulións Rurais de Viana do Bolo, os Troiteiros de Bande e os Farrumecos de Sobradelo.
A seguinte xornada marcada en vermello é o Domingo Corredoiro e logo chegarán o Domingo de Entroido e, para despedir a festa, o Martes de Entroido, co tradicional choro do pucho. Polo medio hai tempo para elixir as diferentes festas que se celebran por toda Galicia. É oficial: estamos en tempo de máscaras, disfraces e moita sátira.
Iso si, convén vir disfrazado... do que sexa! Aquí o que se valora é o espírito participativo e as ganas de se divertir. Sen disfrace un corre o risco de sufrir uns lategazos; de que lle boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que invitar a una rolda de vinos. É a lei.
Hai tamén outra lei que se cumpre estritamente: a dos banquetes gastronómicos. Porque en Galicia o Entroido acompáñase sempre dunha boa mesa. Unha cociña de gorentosos pratos, perfecta para reparar forzas, que ten como protagonista o porco e de acompañantes as patacas, os grelos e os garavanzos. De sobremesa, filloas, orellas, bica; e de remate, un bo licor café. O mellor do mundo.
Galicia ten ademais grandes festas culinarias relacionadas co Entroido e calificadas de interése turístico: a Festa do Cocido de Lalín, de Interés Turístico Internacional, o domingo anterior ao de Entroido; a Festa da Filloa de Lestedo, o domingo seguinte ao Martes de Entroido; a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, o domingo seguinte ao do Entrido, e a Festa da Androlla de Viana do Bolo, o Domingo de Entroido, que se suman á Festa do Botelo do Barco de Valdeorras (finais de xaneiro), o preludio das grandes citas gastronómicas destas datas.
Moitos concellos galegos súmanse á tradición gastronómica típica destas datas de Entroido. Entre eles e na provincia de Lugo, Navia de Suarna, coa Festa da Androlla; Sober, co Baile da cachucha o sábado de Entroido, ou A Fonsagrada, coa súa tradicional Feira do Butelo. Na provincia da Coruña destaca Monfero, coa Feira do Grelo. E na de Ourese, Laza, coa Festa gastronómica da cachucha, a bica branca, o xastre e o licor café, o terceiro venres do Folión; Allariz, coa Cachuchada do Luns de Entroido, ou O Carballiño, coa Festa da Cachucha como despedida no primeiro domingo despois do Martes de Entroido. É tempo de gozar da festa e a gastronomía e achegalas aos visitantes.
Recoñecementos ► Nove festas de interese turístico
En Galicia nove destas celebracións teñen o recoñecemento de interese turístico. O Entroido de Xinzo de Limia (coas pantallas) é Festa de Interés Turístico Internacional, mentres que o o Entroido de Verín (cos cigarróns) é Festa de Interés Turístico Nacional.
Ademais destas dúas, outras sete son Festas de Galicia de Interese Turístico, como son o Entroido de Cobres (coas damas e os galáns); o Entroido de Laza (cos seus peliqueiros); o Entroido de Viana do Bolo (no que o personaxe central é o boteiro e que comparte protagonismo coa promoción do produto gastronómico da androlla); o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda (coas mázcaras); os Xenerais do Ulla, o Entroido de Maceda (cos felos). e o Entroido de Vilariño de Conso (co boteiro coma personaxe estelar).








