martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

O comité clínico traballa nun documento para o proceso de desescalada

Julio García Comesaña. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Julio García Comesaña. LAVANDEIRA JR. (EFE)
A evolución de casos en Sarria, Vilalba e Chantada estará no foco da reunión deste venres

A evolución epidemiolóxica nos municipios de Sarria, Vilaba e Chantada estará no foco na celebración dunha nova reunión do comité clínico este venres, xornada na que se cumprirán dúas semanas da imposición de medidas restritivas en máis de 60 concellos que permanecen desde entón pechados perimetralmente e cos establecementos de hostalería clausurados. 

E así continuarán, polo menos, ata o 4 de decembro. Esa é a intención do comité clínico, verbalizada a través do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado mércores, cando confesou que esa é a data que sirva de guía porque se cumprirá un mes da ampliación de restricións que afectan, nestes momentos, a 68 municipos galegos. 

O último en chegar a ese grupo foi Sanxenxo, que desde este xoves permenece pechado perimetralmente xunto co seu veciño do Grove, dada a evolución da pandemia nestas dúas localidades do Salnés, unha das comarcas que máis preocupan ás autoridades sanitarias. 

As miradas do comité clínico deste venres estarán postas na evolución da pandemia en tres municipios da provincia de Lugo: Sarria, Vilalba e Chantada. Aínda que no concello do sur de Lugo a tendencia é positiva e, do mesmo que modo na Rúa, afástase de posibles novas restricións, estas poderían chegar a Sarria e Vilalba, localidade esta última na que se produciu un dos últimos brotes que afecta residencias de maiores da Comunidade galega.

EVOLUCIÓN POSITIVA NAS CIDADES. A tendencia é positiva nas cidades e as súas áreas metropolitanas, segundo o expresado o pasado mércores nunha rolda de prensa do comité clínico. Aínda que só en Santiago a incidencia cae por baixo dos 200 casos por cada 100.000 habitantes --baremo que empregan as autoridades sanitarias para medir a gravidade da situación epidemiolóxica--, aprecian unha evolución positiva en Ourense, Ferrol e A Coruña, mentres que Pontevedra atópase nunha fase estable. 

Por contra, séguese con maior atención a tendencia en Vigo e Lugo, onde o grao de transimisión do virus está por encima da media galega. Ademais, o propio conselleiro sementou dúbidas o pasado mércores sobre o seguimento das restricións en Lugo, uns incumprimentos que considera que están detrás de que a situación epidemiolóxica non termine de mellorar na Cidade dás Murallas.

DÚAS SEMANAS DE RESTRICIÓNS ESPECIAIS. Así as cousas, este fin de semana cumpriranse 15 días de medidas restritivas especiais en boa parte Galicia, momento tras o cal, o comité clínico confía en que se noten o efecto das imposicións "duras" e baixe tanto o número de casos detectados como os infectados que terminan ingresados. 

E é que a presión hospitalaria, especialmente nas unidades de críticos, é a cuestión que guía nestes as accións do comité, que pon o foco en que aínda existe unha marxe do 40% en UCI e do 60% en planta respecto ao peor momento da primeira onda. 

No entanto, co obxectivo de anticiparse a un posible desborde do sistema sanitario e avanzar cara ao seu "reseteo", o órgano para a xestión da pandemia organizado pola Consellería de Sanidade volverá sentar este venres nunha reunión de poderíana saír novos municipios afectados polo grao máximo de restricións.

O CARBALLIÑO, "PRIMEIRO EN DESESCALAR". Unhas medidas ensaiadas no Carballiño, que tamén podería ser pioneiro en iniciar o proceso de desescalada, para o cal, a Consellería de Sanidade quere elaborar un protocolo que estableza criterios, baremos e pasos para abandonar as restricións. 

Con todo, o propio García Comesaña aclarou o mércores que a hipotética saída do Carballiño das prohibicións máis duras non se debería exclusivamente á súa situación epidemiolóxica, xa que tamén inflúen as características dun municipio "illado" e situado nunha área con pouca incidencia da pandemia. 

O comité clínico traballa nun documento para o proceso de desescalada
Comentarios