viernes. 18.10.2019 |
El tiempo
viernes. 18.10.2019
El tiempo

Conde di que "é importante para o Goberno que teñamos unha CEG forte"

Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ
Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ

O conselleiro de Economía considera que a incerteza que se cerne sobre a patronal galega afecta o diálogo social

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, considera que "é importante para o Goberno que teñamos unha Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) forte, que dea resposta aos empresarios".

Nunha entrevista en Radio Galega, Conde considerou que a incerteza que se cerne sobre a patronal galega afecta o diálogo social.

Destacou os procesos que van vivir os empresarios galegos nos próximos meses, como son as eleccións ás cámaras de comercio, ou como a elección do novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

INCERTEZA. A recente dimisión de Antón Arias á fronte da patronal galega e as incertezas dos últimos anos levaron ao conselleiro a recoñecer que "un proceso onde, efectivamente, está cheo de incertezas, realmente cunha situación de dificultade interna, pois dificulta tamén trasladar cunha certa estabilidade e cunha certa certeza a outros terreos como pode ser o do diálogo social".

Engadiu que "por iso para o Goberno é tan importante que teñamos unha Confederación de Empresarios forte, que dea resposta aos empresarios e que tamén haxa unha interlocución para seguir avanzando a través do diálogo social".

En canto ás demandas dos traballadores da central de Meirama, o conselleiro indicou que é decisión da empresa Gas Natural Fenosa acometer os investimentos reclamados.

No entanto, dixo que xa tiveron "diferentes conversacións" para apoiar ese investimento por parte de Gas Natural Fenosa e apuntou que "Endesa xa está a acometer eses investimentos no caso da central das Pontes" e que a expectativa do Goberno galego é que vaia nesa liña, "que se poidan concretar estes investimentos".

PARO E OPOSICIÓN. Cuestionado polos datos do paro de xaneiro dados a coñecer o venres, Conde dixo que a "avaliación é positiva, sobre todo pola tendencia", e engadiu que "a recuperación está a vir polo sector industrial, o cal é un elemento moi positivo".

Así e todo, fixou como obxectivo a "mellora da calidade" e a "estabilidade no mercado laboral", admitiu que "queda moito por facer", e apostou porque esa recuperación "chegue a todos" e tamén se lle dea traslado "aos salarios" a través da mellora da produtividade.

Francisco Conde, que acaba de chegar co titular da Xunta da primeira viaxe oficial a Israel dun presidente galego, afeoulle á oposición parlamentaria os receos ante esta viaxe que o Goberno galego considera eminentemente económico e comercial.

"A oposición ten un discurso que non cambia e que non está adaptado á realidade desde o punto da visión internacional", afirmou.

Conde asegurou que a presenza de Galicia en Israel, neste caso, "vailles a permitir ás empresas establecer novas pontes de colaboración e, sobre todo, poder acceder e desenvolver proxectos que seguramente sen o apoio das institucións, sen o apoio do Goberno da Xunta e do Goberno de España, seguramente, sería moito máis difícil de lograr".

Conde di que "é importante para o Goberno que teñamos unha CEG forte"
Comentarios