Descobren oito autobuses pirata que transportaban persoas con discapacidade

Formuláronse once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións graves e moi graves do Regulamento Xeral de Vehículos, que levan sancións de 4.001 euros.
Un dos autobuses pirata que incumpría en regulamento.  GARDA CIVIL
photo_camera Un dos autobuses pirata que incumpría en regulamento. GARDA CIVIL

A Garda Civil descubriu unha empresa que operaba desde A Coruña con oito autobuses pirata que realizaban transporte internacional de viaxeiros sen licenza e desprazaban a persoas con discapacidade e mobilidade reducida sen autorización.

A investigación comezou cando axentes especialistas na inspección de transportes do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia interceptaron a un vehículo desta compañía na AP-9 que realizara un transporte internacional de viaxeiros sen licenza comunitaria.

Os viaxeiros, dunha asociación cultural, ían a Francia, informan a Efe fontes da investigación.

O autobús interceptado na AP-9 á altura de Ordes, non só carecía da correspondente licenza que ampara o transporte internacional dentro da Unión Europea, senón que incorría noutras infraccións en materia da lexislación de transportes.

Tras detectar estas irregularidades, os axentes procederon a realizar unha inspección máis exhaustiva en varias rutas desta empresa, onde puideron comprobar que estaba a realizar un servizo regular de uso especial de viaxeiros sen a correspondente autorización para realizar este desprazamento.

Transportaba en diversas rutas a persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida a un centro ocupacional da provincia da Coruña, sen as correspondentes autorizacións de uso especial que concede a Xunta de Galicia para este tipo de transportes.

En total, examináronse oito autobuses desta empresa e formuláronse once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións graves e moi graves do Regulamento Xeral de Vehículos, que conlevan sancións económicas de 4.001 euros.

Tamén se denunciaron cuestións técnicas como a ausencia do dispositivo acústico de marchas atrás, fallos na apertura das portas de urxencias, carencia de botiquín, extintores caducados desde marzo de 2018 e diversos asentos severamente degradados, con roturas en tapizado e parte acolchada que poderían ocasionar lesións en caso de sinistro ao non estar protexidas as súas partes metálicas.

Os axentes non puideron comprobar que tiñan contratado o seguro de responsabilidade civil ilimitada, obrigatorio para transportar viaxeiros deste tipo, cuestión que deberán acreditar ante a Xefatura de Tráfico da Coruña. 

Comentarios