martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

Desmantelado un punto de venda de drogas en Cangas, con dous detidos

Material incautado en Cangas. DP
Material incautado en Cangas. DP

No operativo incautáronse dous quilos de marihuana, 500 gramos de haxix e seis de cocaína

A Garda Civil desarticulou en Cangas un punto de venda e distribución de estupefacientes e procedeu á detención de dous veciños da localidade como supostos autores dun delito contra a saúde pública.  O operativo, levado a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Cangas, púxose en marcha no principio do ano cando se tivo noticia dun suposto punto de venda de estupefacientes nunha zona do centro urbano de Cangas. 

As vixilancias preventivas establecidas na contorna polas patrullas de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil da localidade constataron as sospeitas ao comprobar a presenza de consumidores habituais na zona, que sempre se dirixían ao mesmo domicilio. 

O ciclo da actividade operativa establecida para controlar a afluencia de posibles compradores ao domicilio que estaba a ser obxecto de vixilancia e control pechouse cando estes mesmos mozos foron interceptados na rúa portando distintas cantidades de estupefacientes que supostamente adquiriran en interior do inmoble. 

As investigacións concluíron coa detención dun cidadán de nacionalidade marroquí, M.J., de 26 anos, que vivía no domicilio. Tamén se detivo a un mozo de Cangas, JM.G.V., de 19 anos, que o substituía durante as súas ausencias laborais para encargarse de atender aos clientes.

REXISTRO. No rexistro que se efectuou no interior da vivenda, no que interveu un can detector de drogas do Servizo Cinolóxico da Garda Civil, incautáronse de dous quilogramos de marihuana disposta para a súa venda, medio quilo de resina de haxix e seis gramos de cocaína.  Tamén foron aprehendidos unha importante cantidade de envoltorios plásticos utilizados para o empaquetado das doses, ademais de teléfonos móbiles e o diñeiro (280 euros) que supostamente procedía da venda da droga. 

Os dous detidos, que quedaron en liberdade unha vez ultimadas as dilixencias que se instruíron no Posto da Garda Civil de Cangas, deberán comparecer, cando sexan citados, no Xulgado de Instrución Número 3 de Cangas, acusados dun delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes. 

Con esta operación, a Garda Civil considera desmantelado "un importante punto de venda de droga" que, segundo se puido comprobar, distribuía estupefacientes a mozos de Cangas con idades comprendidas entre os 16 e 25 anos. 

Desmantelado un punto de venda de drogas en Cangas, con dous detidos
Comentarios