Deteñen a Makelele en Miami como principal sospeitoso do asasinato de seu pai

Makelele. AMERICATEVÉ

Retomou a súa carreira como boxeador en EE UU tras cumprir condena en España polo atropelo mortal dun matrimonio en Vigo en 2008

Jorge Luis Sosa Mejuto, coñecido como 'Makelele', foi detido en Miami como principal sospeitoso do asasinato do seu pai, de 71 anos. Este veciño de Vigo regresara a Estados Unidos para retomar a súa carreira como boxeador tras cumprir condena en España por un dobre homicidio imprudente cometido na cidade en 2008, cando atropelou mortalmente a un matrimonio.

'El terrible Sosa', como se lle coñece no mundo do boxeo, foi detido o pasado sábado en Miami, nos apartamentos onde residía o seu pai, que foi atopado sen vida e con varios cortes no pescozo. A xuíza ordenou  o seu ingreso en prisión.

Segundo informa cibercuba.com, Sosa Mejuto foi descuberto no apartamento contiguo momentos despois da morte do seu proxenitor. A propietaria da vivenda chamou á policía ao crer que Makelele tentaba roubarlle. Tras acudir á chamada da muller, os axentes entraron na vivenda do seu veciño, que se atopaba sen signos vitais.