martes. 21.01.2020 |
El tiempo
martes. 21.01.2020
El tiempo

Detido o xerente dunha empresa do Morrazo por acoso sexual a unha empregada menor de idade

Un coche da Gardia Civil. ADP
Un coche da Gardia Civil. ADP

O administrador da compañía tamén foi arrestado por outro delito contra os dereitos dos traballadores, xa que ningún empregado, salvo un, tiña contrato nin estaba afiliado á Seguridade Social

A Garda Civil detivo ao xerente dunha empresa da comarca do Morrazo pola presunta comisión dun delito de acoso sexual a unha empregada de 17 anos, segundo informaron fontes do instituto armado.

Por mor da investigación por estes abusos, tanto o xerente como o administrador da empresa foron detidos tamén por outro delito contra os dereitos dos traballadores, xa que ningún empregado, salvo un familiar do segundo, tiña contrato nin estaba afiliado á Seguridade Social e ademais cobraban soldos ínfimos.

Foi a nai da menor quen, acompañada da súa filla, denunciou que a moza estaba a sufrir unha serie de episodios de acosos sexuais por parte do xerente da empresa onde se atopaba traballando.

Por mor desta denuncia na que, ademais de evidenciarse as actitudes e comportamentos lascivos do xerente cara á moza, que deron lugar á súa detención por un suposto delito de acoso sexual no ámbito laboral, realizouse unha inspección laboral na empresa.

Como resultado desta inspección, que levou a cabo co apoio e a colaboración da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra en Vigo, detectáronse graves irregularidades.

Todos os empregados, excepto un que é familiar do administrador, estaban a traballar sen contrato, sen estar dados de alta na Seguridade Social e cuns soldos moi inferiores ao salario mínimo interprofesional.

Tamén se detectaron "importantes carencias" nas medidas de seguridade e hixiene no traballo.

Unha vez fóronlles notificadas as detencións, ambos quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados. As dilixencias instruídas foron entregadas ao Xulgado de Instrución de garda de Cangas.

Detido o xerente dunha empresa do Morrazo por acoso sexual a unha...