sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Díaz arenga os seus en Ferrol: "Só podemos gañar a Feijóo se estamos convencidos"

Jorge Suárez, Yolanda Díaz, Luca Chao, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, en Ferrol. KIKO DELGADO (Efe)
Jorge Suárez, Yolanda Díaz, Luca Chao, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, en Ferrol. KIKO DELGADO (Efe)
Gómez-Reino chama a acabar este domingo "coa Galicia en branco e negro"

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, chamou este xoves desde Ferrol a encarar a recta final da campaña electoral de Galicia en Común-Anova Mareas para as autonómicas do domingo con forza porque "só se pode gañar e derrotar a Feijóo se estamos convencidos". 

Os asistentes ao mitin recibiron a Díaz con camisetas coa súa cara e o lema 'Eu fago barcos', que algúns acabaron poñendo na cabeza para protexerse do sol do mediodía. Visiblemente emocionada, Díaz comezou o mitin recordando que este xoves está na casa que estraña desde Madrid. "Estou na miña casa, estou orgullosa de ser de aquí, fago o que fago porque esta cidade ensinoume como facer as cousas", dixo. 

"Facer barcos" —sinalou en referencia ás camisetas que portaban os seus veciños— "non é só construír eses buques que temos na nosa ría; facer barcos é un modo de vida que unicamente se pode manter se se afasta o PPdeG da Xunta de Galicia". Por iso, Díaz pediu confianza para conseguir este obxectivo porque "non se pode gañar se non estamos convencidos de que podemos". "Se vós queredes, Feijóo está fóra", proclamou a ministra, que pediu unha participación masiva este domingo. 

"Pódese gobernar para a xente do común porque a maioría social somos os traballadores e as traballadoras", subliña Díaz

A responsable de Traballo no Goberno central criticou que o presidente galego leva máis dunha década gobernando na comunidade pero di que "non é responsable de nada" porque é un "presidente virtual" que non é suficiente para dirixir Galicia e menos nun escenario complicado, como o que se presenta. 

A partir de aí, defendeu que Galicia necesita agora máis ca nunca dun xefe do Executivo que saiba que "se pode xestionar a crise pensando na xente e que se pode gobernar para a xente do común porque a maioría social somos os traballadores e as traballadoras". Ese é o modelo co que asegurou que está a gobernarse no Estado e é a fórmula que Galicia en Común quere que se replique na Xunta. 

Xunto a Díaz, o candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, prometeu futuro para a comarca ferrolá e asegurou que unha das principais decisións que tomará se senta en San Caetano é "levantar o teléfono" para buscar todas as alternativas que permitan "dar carga de traballo a esta comarca que tanto o necesita"

Gómez-Reino: "A Galicia do futuro constrúese en común, así que a mobilizarse"

O aspirante á Xunta destacou tamén que o próximo Goberno galego velará pola "rexeneración da ría de Ferrol e do resto das rías" porque, a diferenza do PPdeG, Galicia en Común é consciente de que son "un elemento fundamental do noso país". 

Obxectivos, defendeu Gómez-Reino, que están cerca porque na comunidade "nótase que hai fame de cambio pero aínda hai que activalo máis" e ata o domingo toca "pelexar cada voto". "A Galicia do futuro constrúese en común, así que a mobilizarse, adiante a facer barcos porque estamos moi preto de acabar coa Galicia en branco e negro e construír unha Galicia libre a altura do noso pobo", proclamou. 

O número tres da candidatura pola provincia da Coruña, Martiño Noriega, acusou a Feijóo de manter unha "relación tóxica" cos galegos aos que di "querer moito" pero sen preocuparse por eles. "Feijóo é unha persoa tóxica para este país e ás persoas tóxicas hai que afastalas", polo que asegurou que a cita coas urnas deste domingo debe ser empregada para este fin. 

O acto estivo conducido polo exrexedor ferrolán e actual portavoz de Ferrol en Común, Jorge Suárez, recibido polos asistentes ao berro de "¡alcalde, ¡alcalde!".

Gómez-Reino critica o "interese electoral" de Feijóo ante o brote da Mariña 
Antón Gómez-Reino quixo enviar unha mensaxe de ánimo aos habitantes da Mariña, que "están a pasar días difíciles" e acusou a Alberto Núñez Feijóo de actuar por "interese electoral". No mitin en Ferrol, o candidato criticou a convocatoria das eleccións autonómicas "no medio dunha pandemia" e avisou de que Galicia en Común está "a vixiar a ocultación de datos, o control dos medios públicos e o control dos dereitos fundamentais". 

Emprego en Alcoa e no naval
O candidato de Galicia en Común asegurou tamén que a súa formación "defende Galicia", polo que prometeu que se logran entrar no Goberno autonómico aplicarán o Estatuto de Autonomía "que ten competencias en materia industrial", co obxectivo de salvar "os postos de traballo" en Alcoa e conseguir "carga de traballo" nos estaleiros de Ferrol. 

Díaz arenga os seus en Ferrol: "Só podemos gañar a Feijóo se...
Comentarios