"Dicir que o Goberno discrimina Galicia cando inviste 2.900 millóns só é facer ruído"

Este avogado laboralista de Monfero con vínculos familiares na Mariña chegou en xuño á Delegación do Goberno con certo aire de provisionalidade, pero hoxe ten xa moitas opcións de consolidarse no posto. "Estou moi contento e a miña idea é seguir desenvolvento esta función", asegura Pedro Blanco, convencido de que haberá investidura de Pedro Sánchez.
Pedro Blanco Lobeiras (Monfero, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Pedro Blanco Lobeiras (Monfero, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)

Agora mesmo é delegado do Goberno en Galicia en funcións. Quédalle moito tempo en funcións ou confía en que non?
En funcións está o Goberno, non a Delegación, pero estou absolutamente convencido de que non queda moito. Confío en que se conforme un Goberno de progreso co mesmo presidente e a Delegación continuará co seu labor de achegar e supervisar o que fai ese Goberno en Galicia, que é moito a nivel cuantitativo e cualitativo. Xa se perdeu demasiado tempo co mes outorgado ao portavoz da oposición para unha investidura na que non tiña posibilidades. 

E se hai investidura, xa lle confirmou Sánchez se repetirá no cargo?
A confianza que o presidente do Goberno puxo en min cando me nomeou foi unha grande honra, pero é fundamental ter en conta que o importante é a institución e as políticas, non a persoa. Dito isto, estou moi agusto co que fago e a miña idea é seguir desenvolvendo a miña función. 

Leva moito en política, pero este é o seu primeiro gran cargo institucional. Que tal a experiencia?
A experiencia está sendo absolutamente excepcional, a pesar de entrar nun momento de moito traballo, con eleccións e un montón de actos froito da presidencia española da UE que tiveron Galicia como epicentro. Así que non deu tempo a moito. Debo ser o primeiro delegado que non tomou posesión nun acto oficial! Pero a experiencia está sendo enriquecedora, traballando arreo e coa sorte de contar cun equipo excepcional. E con Miñones e Besteiro sempre ao outro lado do teléfono para axudar. 

Estou absolutamente convencido de que haberá Goberno de progreso en España co mesmo presidente

E deulle algún consello Besteiro ao relevalo ou non tivo tempo?
Díxome que rememos xuntos, no sentido das políticas do Goberno e as políticas do PSOE e o PSdeG, e que se o facemos, chegaremos a bo porto. 

E agora que vai ser candidato á Xunta, que lle aconsella vostede a el?
Creo que darlle consello a José Ramón [Gómez Besteiro] é complicado porque é un político excepcional. A militancia cos seus avais e o partido tiveron un acerto excepcional coa súa candidatura. Neste fin de ciclo do PP en Galicia, penso que Besteiro será un presidente da Xunta excepcional; e dígoo porque el encabezará o goberno progresista que tanto necesita Galicia. 

O actual presidente, Alfonso Rueda, séntese moi discriminado polo Goberno de Pedro Sánchez. 
Todo iso entra no ruído mediático que se fai desde a Xunta. Non se pode dicir que o Goberno central discrimina Galicia cando destina un investimento superior aos 2.900 millóns. Nunca tanto se fixo! Nestes catro meses e unha semana que levo dediqueime a supervisar actuacións e investimentos do Goberno e van desde traer o Ave a Galicia a modernizar as infraestruturas para ter unha comunidade do século XXI, e investimos en cultura, en mocidade, en educación... E tamén chegan reformas lexislativas como a suba do salario mínimo ou das pensións. Así que cando Rueda di que se discrimina a Galicia nós temos que saír a dicir a verdade.

Ten boa relación con Alfonso Rueda?
Persoalmente si, moi cordial, porque coincidimos en Dereito, aínda que un no turno de mañá e outro no de tarde por apelidos. Pero iso non priva que cada un teña unha visión distinta de Galicia e da política. Insisto en que Galicia non se pode sentir discriminada porque, como di Valentín González Formoso, Pedro Sánchez é Pedro o galego, xa que ningún presidente de España investiu tanto nin se preocupou tanto por Galicia. 

Besteiro é un político excepcional e tanto a militancia como o PSdeG acertaron con el; será un gran presidente da Xunta

A lea máis recente Xunta-Goberno foi recurso estatal no TC da lei do litoral. Non había alternativa?
De habela, sería antes, porque o Goberno fíxolle varias advertencias á Xunta para sacar adiante a lei. A alternativa sería modificar o Estatuto, como fixeron outras comunidades, e non só históricas senón tamén Andalucía. Pero Galicia non quixo reformar o Estatuto, malia que o PSdeG o ten proposto varias veces. Así que o que fai o Goberno é meter un recurso para defender o reparto de competencias que actualmente están na Constitución. En todo caso, hai que trasladar unha mensaxe de absoluta tranquilidade: o sector mar-industria ten asegurada a súa previvencia como ata o de agora. Das 55 modificacións ou autorizacións de concesións na costa solicitadas entre 2018 e 2023 todas saíron adiante salvo unha, que a denegou a Xunta. Así só fai ruído para confundir aos galegos e tamén ás empresas. E o ruído corríxese coa verdade e cos datos. 

Tamén denuncia a Xunta a lentitude e mala xestión dos fondos de recuperación da UE. Din que non chegan a Galicia. 
Procuro sempre estar a pé de rúa e estes días vexo que estes fondos si que chegan a empresarios, autónomos... Pero o que fan PP e Xunta é vender como fondos propios estes Next Generation, cando en realidade é diñeiro que forma parte do plan de reuperación e resiliencia que Europa transfire a España, por certo, despois da negociación de Pedro Sánchez e co voto en contra do PP. Hoxe xa non somos os galegos que retrataban naquelas tiras cómicas de hai 50 anos: a xente sabe que eses fondos están chegando. O Goberno apoia 4.000 empresas só na provincia de Lugo e 25.000 en toda Galicia con máis de 3.000 millóns de euros. Así que o que di a Xunta é unha falacia. 

Fai trampa entón a Xunta cos fondos europeos?
Cando menos, non está contanto a verdade. 

Os fondos de recuperación serán tan revolucionarios que veremos unha Galicia distinta logo da súa aplicación?
Eu xa empezo a vela co que se fai agora, así que me fago unha idea do que será Galicia cando todas as obras rematen. Por poñer un exemplo, ir de Santiago a Madrid en pouco máis de dúas horas en tren é tan revolucionario que implicará a redución de voos e a emisión de toneladas de CO2 a atomosfera. Todo está pensado para que Galicai sexa distinta, aínda que terán que pasar anos ata poñernos ao nivel doutros países do norte onde nos levan vantaxe na concienciación sobre o planeta habitable para futuras xeracións. Pero parafraseando a algún político: en canto pasen outros catro anos de Goberno de progreso, a Galicia non a vai coñecer ninguén. 

Das 55  autorizacións de concesións na costa solicitadas desde 2018 todas saíron adiante salvo unha, que a denegou a Xunta

Houbo boas novas sobre Altri a semana pasada. É optimista?
A reunión do ministro con Alfonso Rueda erradicou calquera dúbida. Convén lembrar que a competencia en materia de industria é da Xunta e debía ser ela a que liderase isto, pero en todo caso o importante é que o ministerio atopou encaixe para que Altri opte a fondos e poida instalarse en Palas de Rei. Son optimista porque o corazón me pide industria para Galicia, logo de 15 anos de política industrial ausente, nos orzamentos e na realidade. Cando hai dous anos tivemos un susto con Alcoa e nos demos de conta de que era o 30% do PIB da provincia, démonos de conta da necesidade de máis industrial, porque aínda que o turismo e o sector primario son fundamentais, non podemos vivir só deles. Por iso quero ser optimista con calquera proxecto industrial, chámese Altri, Stellantis ou os vinculados ao hidróxeno verde nas zonas de Ferrolterra e As Pontes. 

Citou Alcoa, de onde chegan novas menos boas. Que sabe o Goberno do futuro da planta de aluminio?
Nós estamos vixilantes co acordo asinado e que supuxo un antes e un despois na relación con Alcoa e vemos que cumpren co mantemento de emprego e cos investimentos. É certo que houbo unha paralización da actividade en aluminio onde fallaron as formas, pero falei coas partes e trasladáronme que esa parada non ten ningunha intención de fondo senón que respondeu a un problema de demanda. 

Eólica marina si ou non?
Hai que abordala e a propia ministra, porque esta é unha competencia estatal, aposta polo diálogo para que non impacte en ningún outro sector. Pero eu aposto pola eólica, xa que é necesaria para a descarbonización. Logo, haberá que abordar cos diferentes sectores ese plan que está en fase inicial. 

O ano vai rematando: cumprirase o prazo para abrir un dos viadutos da A-6?
Están traballando nos dous sentidos, unha vez se garantiu a seguridade, e mantemos sempre  esa previsión de abrir en dirección Madrid. 

O investimento millonario no tren de Lugo é incuestionable, pero tamén é certo que non servirá para levar a alta velocidade á cidade. Entende as queixas dos lucenses co tren?
Eu entendo o cabreo dos lucenses e o de calquera lugar que ten necesidade de adecuar as súas infraestruturas e tempos de comunicación aos do resto do país. Pero hai que ser realistas e lembrar que foi o Goberno de Pedro Sánchez o que sacou dos caixóns onde levaban moito tempo estes proxectos do tren a Lugo e os puxo enriba da mesa para licitar, orzamentar e traballar neles. Entendo o cabreo, pero penso que hai que imputarlle a cada quen a responsabilidade que lle corresponde. A de Pedro Sánchez vai de 2018 ata agora e penso que o compromiso con Galicia e Lugo en materia ferroviaria é incuestionable. Estiven vendo as obras do túnel de Oura, onde había persoal traballando, e aquilo é faraónico. E logo está a intermodal de Lugo, un empelo da propia alcaldesa. Probablemente Lugo tiña que ter intermodal e alta velocidade en 2010, pero non esquezamos que foi este Goberno quen puxo todo en marcha. 

Os fondos europeos si que chegan a Galicia, pero a Xunta non di a verdade cando vende moitos deles como propios

E a autovía a Santiago para cando?
Esperemos que pronto, despois deses paróns motivados polo covid, pola aparición de xacementos e por algún que outor permiso que se demorou meses. Están traballando na obra 250 persoas e máis de 50 máquinas para abrir canto antes. É unha arteria fundamental. 

Galicia está entre as comunidades máis seguras, pero sempre se demandan máis efectivos. 
Durante varias lexislaturas os efectivos minguaron, en moitos casos pola conxelación na renovación de prazas, pero este Goberno incrementou a formación e número de gardas civís e policías: nunca houbo tantos efectivos como hoxe e a idea é seguir incrementando. Galicia é a terceira autonomía máis segura, por diante de países de referencia como Alemaña ou Inglaterra. O que ocorre é que ás veces, precisamente ao ser tan segura, se se produce un delito xera máis alarma, pero é máis unha percepción que unha realidade. O que temos é que camiñar cara a especialización dos axentes, por exemplo nos delitos informáticos, nas estafas...

Vimos dunhas eleccións e xa asoman outras, as autonómicas, o que sempre tensa o ambiente. É máis difícil neste contexto o diálogo entre administracións?
Eu a percepción que teño é que, incluso neste clima electoral, o Goberno central non parou e a Delegación en Galicia tampouco. Supervisamos obras, entrevistámonos con empresas... Hai moito ruído mediático, pero por debaixo del hai un traballo que non para. Imos encarar eleccións en Galicia, moi importantes porque estamos nun cambio de ciclo e temos o convencemento de que haberá unha Xunta progresista liderada por Besteiro, pero iso non quere dicir que nós paremos de traballar porque haxa eleccións. 

Comentarios