As autoridades sanitarias galegas comunicaron este martes o falecemento de dous homes diagnosticados con covid-19. Estas dúas mortes elevan a 882 as vítimas en Galicia desde que se iniciou a pandemia.
Os falecidos son un home de 87 anos que estaba ingresado no Chup de Pontevedra e outro de 77 ingresado no Chuo de Ourense e que procedía da residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar. Un total de 32 usuarios deste centro xeriátrico, intervido pola Xunta, faleceron con covid-19 —13 na propia residencia e 19 no hospital—.
Os dous homes que perderon a vida este martes tiñan patoloxías previas. Sanidade comunica o seu falecemento un día despois de notificar 12 mortes de positivos con covid-19 na comunidade, a cifra máis alta rexistrada nunha xornada na segunda vaga da pandemia.
A primeira morte computada na comunidade na denominada 'nova normalidade' foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, Galicia encadeara case dous meses —desde o 10 de xuño sen decesos relacionados co coronavirus.