jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Elevan as penas a un home e a súa familia polo secuestro e violación dunha muller en Ourense

Sede do TSXG. ARQUIVO
Sede do TSXG. ARQUIVO
Os pais e irmáns do autor da agresión controlaban que a vítima non saíse do domicilio

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou parcialmente o recurso dunha muller que, en xaneiro de 2018, foi retida contra a súa vontade nun domicilio de Ourense, e sometida a constantes vexacións, agresións sexuais, golpes e outros ataques. O TSXG eleva agora a condena dos procesados: un home de 40 anos, os seus pais e os seus irmáns.

A Audiencia Provincial de Ourense impuxo a Javier G.J. unha pena de 20 anos de cárcere como autor dos delitos de detención ilegal, agresión sexual agravada e un delito contra a integridade moral. Así mesmo, condenou aos pais do home e a tres irmáns a dous anos e medio de prisión cada un por ser cómplices no delito de detención ilegal.

No entanto, a representación da vítima recorreu, e o alto tribunal galego aumentou en tres meses a pena de cárcere de Javier, ao consideralo tamén autor dun delito de lesións. "A acción de lesionar consúmase ao perseguir o autor atentar contra a integridade corporal da vítima, de modo e xeito que mal pode entenderse absorbida por outra figura delituosa", argumenta o tribunal.

Así mesmo, condena a cinco anos de cárcere a cada un dos proxenitores do home e a dous dos seus irmáns por entender que non foron meros cómplices, senón cooperadores necesarios.

A condena ao pai e dous dos irmáns elévase de dous anos e medio a cinco 

O tribunal considera probado que, a principios de xaneiro de 2018, Javier levou ao domicilio familiar a vítima e que, polo menos desde o día 10 dese mes, a muller estivo alí retida, sen poder saír, e ameazada, ata que foi levada a comisaría o día 26 dese mes.

Nese tempo, sostén na súa sentenza o TSXG, os pais e irmáns de Javier axudáronlle a mantela secuestrada, exercendo vixilancia e control sobre a vítima, á que tiñan "oculta" no domicilio. Ao longo deses días, Javier agrediuna sexualmente de forma reiterada, ameazouna, insultouna e golpeouna. Tamén a someteu a constantes vexacións, como negarlle a comida porque "estaba gorda", obrigala a inxerir "o seu propio vómito", obrigala a tomar alcol e drogas, facela ducharse cunha mangueira de auga fría ou arrincarlle pelo da cabeza.

RECURSOS. O tribunal desestimou os recursos presentados polas defensas dos condenados, que argumentaban, entre outras cuestións, que se vulnerou a súa presunción de inocencia e que a vítima incorrera en contradicións.

Elevan as penas a un home e a súa familia polo secuestro e...
Comentarios