
O operativo manterase "de forma continuada" entre este luns e o 2 de abril"
Este luns 19 de marzo arrinca o dispositivo de control para evitar que visitantes que non soliciten permiso para acceder ás Illas Cíes embarquen nas naves que se dirixen ao arquipélago da costa de Vigo.
O obxectivo dos controladores, que se manterán "de forma continuada" entre este luns e o próximo 2 de abril, é "evitar que embarquen cara á illa visitantes sen a correspondente autorización administrativa".
A Xunta anunciou o pasado martes a activación da plataforma dixital para poder obter a nova autorización de acceso ás Illas Cíes para todas aquelas persoas que desexen visitar este Parque Nacional en Semana Santa.
Esta autorización, de carácter "persoal e intransferible", pode demandarse a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Así, a Xunta informa que para acceder ás illas será "obrigatoria" a obtención do documento, polo que as empresas que se encargan do transporte marítimo ás illas "só poderán emitir billetes a aqueles pasaxeiros que dispoñan da preceptiva autorización de acceso" e "para ese día en concreto".
Ademais, o persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá a función de controlador-informador "" nos portos de saída cara ás Cíes, como son Vigo, Baiona e Cangas. Por iso, asegurou que "haberá un en cada porto" e "identificado con chalecos de cor laranxa".
Así mesmo, o Executivo dirixido por Alberto Núñez Feijóo indica que estes efectivos contarán con dispositivos "de lectura dos códigos QR para "comprobar a validez das autorizacións", así como cun expositor próximo aos despachos de billetes no que haberá folletos informativos a disposición dos viaxeiros que expliquen as novidades introducidas.
COMO SOLICITAR O PERMISO. Durante a solicitude do permiso, será necesario rexistrar nome, apelidos, documento de identidade, sexo e ano de nacemento. As autorizacións enviaranse por correo electrónico ao solicitante e poderán descargarse desde a propia páxina web.
Unha vez que o visitante dispoña xa da súa autorización, de carácter persoal e intransferible, dotada de códigos de control QR, número de autorización e nome e apelidos, poderá elixir a barca coa que quere desprazarse ata as Cíes.
Concretamente, a Xunta anunciou que esta semana Santa as empresas Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas son as que levarán a cabo as travesías, autorizadas pola Dirección Xeral de Mobilidade e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, responsable do control dos accesos ao espazo natural.