Premio a un exemplo de tesón e loita pola igualdade

Con raíces en Mondoñedo, Susana Rodríguez Gacio recibe a Medalla Castelao como un recoñecemento "ao esforzo e á constancia". A triatleta e médica erixe a súa familia como "referente"

Susana Rodríguez Gacio, arrodeada dos seus pais e Elena Candia.PEPE FERRÍN.AGN
photo_camera Susana Rodríguez Gacio, arrodeada dos seus pais e Elena Candia.PEPE FERRÍN.AGN

Nin os problemas de visión, nin o albinismo foron atrancos para Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 1988) á hora de conseguir os seus propósitos. Portada da prestixiosa revista estadounidense Time no 2021 polo exemplo que deu ao conxugar o seu labor como médico co deporte durante a pandemia, este mércores recibiu a Medalla Castelao."É un recoñecemento non á miña traxectoria deportiva, senón ao esforzo, á disciplina, á constancia, ao traballo en equipo e tamén á loita pola igualdade das persoas con discapacidade", sinalou a triatleta ao recibir o galardón de mans do presidente da Xunta.

Nun discurso no que lembrou as súas "raíces" mindonienses, Rodríguez Gacio expresou o seu profundo agradecemento a súa familia. As súas verbas máis sentidas foron para a súa nai, Berta, dedicada á docencia, e para o seu pai, Delio, un anestesista xubilado co que comparte a paixón pola Medicina. Deles aprendeu que existen "dereitos e tamén deberes" e que "a principal ferramenta" para chegar aos obxectivos que unha se marca "é o esforzo e o compromiso persoal".

Malia que a súa irmá Patricia non a puido acompañar, Rodríguez describiuna como "o espello no que mirarse" e a responsable de que tomase conciencia de que había ser quen de "conseguir as mesmas cousas que calquera outro neno". Porque, moitas veces, "os referentes máis grandes son os que temos máis preto".

Definida por Alfonso Rueda como "un exemplo de que Galicia nunca se rende", Rodríguez tamén se referiu aos compañeiros dos complexos hospitalarios de Santiago, no que se formou como especialista en Medicina Física e Rehabilitación, e Vigo, onde traballa na actualidade. "Agradézolles que me tiveran aceptado como unha compañeira máis. Parece moi simple, pero aínda queda terreo por avanzar no ámbito da integración laboral das persoas con discapacidade", avisou.

Poder traballar na sanidade pública e facelo na miña terra é un auténtico soño feito realidade", sinalou Susana Rodríguez

Diplomada en Fisioterapia pola UVigo e licenciada en Medicina pola USC, Rodríguez enxalzou o papel do profesorado universitario e tamén da Escola Rosalía de Castro, en Vigo, onde aprendeu dos libros mais tamén o valor do "respecto, a liberdade e un pouco de inglés". No repaso pola súa traxectoria tivo unha mención para a Once, que lle brindou hai 25 anos a "primeira oportunidade de poder competir" en atletismo. Sen sabelo, a organización marcou "un antes e un despois" na vida desta viguesa.

Cinco veces campioa mundial de triatlón adaptado e catro veces campioa nesta mesma disciplina a nivel europeo, Susana foi medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio coa súa guía Sara Loehr. Máis alá dos recoñecementos, o importante do deporte para ela é "transmitir os valores" aprendidos "no camiño". Porque "as medallas, co tempo, convértense en simples historias, en anécdotas que podemos contar con orgullo".

Comentarios