Falece Luís Ferreiro Loredo, fillo do poeta Celso Emilio Ferreiro
Luís Ferreiro Loredo, fillo do poeta Celso Emilio Ferreiro, faleceu o 24 de decembro aos 80 anos de idade. Malia vivir en Vigo, recibiu sepultura no cemiterio parroquial da igrexa de San Breixo, en Celanova, de onde é orixinaria a familia.
O alcalde de Celanova, Antonio Puga Rodríguez, expresou este venres en nome da corporación municipal e da Fundación Curros Enríquez que preside o "profundo pesar" pola morte deste "celanovés de corazón" que, se naceu fóra da vila ourensá, foi "debido á actividade profesional de seu pai no seu momento", aínda que "formaba parte, sen dúbida, do seu universo emocional", explicou.
Profesionalmente vinculado aos servizos de Xustiza, Ferreiro Loredo foi promotor xunto aos seus irmáns e a súa nai, María Luisa Moraima Loredo, da Fundación Celso Emilio Ferreiro e "centrou unha boa parte da súa vida" a promover e divulgar tanto a obra publicada como a inédita do máximo expoñente da poesía social en lingua galega. Segundo destacou Puga Rodríguez, "nos últimos anos tivo un interese especial en incrementar a presenza da memoria do poeta nesta a súa vila natal, levando a cabo diversas e singulares iniciativas editoriais que teñen axudado a configurar publicamente o seu perfil poético, social e político fundamentalmente da posguerra".
Tamén achegou ás público imaxes do álbum familiar do poeta, gravacións coa voz do seu pai e poemas musicalizados, algún descoñecido ata entón.
Así mesmo, representou durante anos á familia do autor de Longa noite de pedra na Fundación Curros Enríquez "e a súa foi a voz autorizada, tamén en representación da familia, para todo canto tiña que ver con ese traballo de difusión da obra literaria e do pensamento de seu pai en toda Galicia, en canto non cedeu a presidencia da Fundación Celso Emilio ao seu irmán Xavier".
Puga Rodríguez remarcou que, tanto desde o Concello de Celanova como desde a Fundación Curros Enríquez, buscarán manter "a íntima colaboración" que viñan mantendo ata o de agora coa Fundación Celso Emilio Ferreiro, "así como coa memoria do propio poeta, reforzando esa presenza do poeta na súa vida natal, tal como era desexo de Luís Ferreiro, para que, como reza no túmulo familiar do camposanto de San Breixo de Celanova, o lume que alampea xamais o vexamos morto".