Feijóo insiste: "As eleccións non están na axenda da Xunta neste momento"

O presidente galego reaccionou así ao anuncio feito por Íñigo Urkullu, que avanzou a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento Vasco se celebren en xullo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa tras a reunión do consello da Xunta. EFE
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa tras a reunión do consello da Xunta. EFE
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou este venres que as eleccións autonómicas "non forman parte da axenda" do Goberno galego e insistiu en que dependen de dous factores; a situación do estado de alarma decretada polo Goberno e a evolución da pandemia do coronavirus.

Núñez Feijóo aludiu deste xeito ao anuncio feito polo lehendakari, Íñigo Urkullu, que avanzou a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento Vasco, previstas para o 5 de abril pasado e aprazadas pola crise da Covid-19, se celebren o próximo mes de xullo.

Vascos e galegos votaron o mesmo día nas tres convocatorias autonómicas anteriores, 2009, 2012 e 2016, e ían facelo de novo o pasado 5 de abril.

O presidente galego recoñeceu que falou co lehendakari e que o fai "con certa frecuencia" sobre a evolución da pandemia e acerca das distintas medidas que están a adoptar tanto Galicia como o País Vasco, dúas comunidades que se parecen "bastante", na súa opinión, na forma de abordar tanto a pandemia como a desescalada.

"Gustaríame non insistir neste asunto porque entendo que non ten máis percorrido", pediu Núñez Feijóo que, con todo, tivo que responder a varias preguntas máis sobre a convocatoria electoral.

Na súa intervención recordou que as eleccións téñense que celebrar este ano, xa que a data de abril era un adianto e a lexislatura concluiría despois do verán.

En calquera caso, Núñez Feijóo dixo que a Xunta "só pode ser prudente e non especular" porque os dous factores que neste momento determinan a futura convocatoria "non dependen directamente" o Goberno galego.

O xefe do Executivo autonómico indicou, ademais, que quedou co resto de partidos políticos cando se desconvocaron as eleccións en valorar a situación sanitaria e coñecer a súa opinión sobre a futura convocatoria.

Sobre as razóns esgrimidas polo lehendakari para estudar unha convocatoria electoral antes de agosto debido a un posible rebrote no outono, Núñez Feijóo asegurou que el xa dixo "hai semanas" que esa era unha posibilidade certa.

"Neste momento na axenda da Xunta non están as eleccións", insistiu o presidente galego, que destacou que xa se reuniu en varias ocasións cos responsables dos principais partidos en Galicia e volveraos a convocar sobre o asunto electoral "cando toque, canto teña algo que dicirlles".

Comentarios