martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Feijóo nega a existencia dunha notificación sobre o proceso de venda de Meirás

Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (EFE)
Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (EFE)

O presidente da Xunta apunta a que procurará "incorporar ao patrimonio público as torres" sen pagar por elo

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, restou credibilidade este mércores á posta en venda do Pazo de Meirás nun portal inmobiliario, xa que é un inmoble catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e, por tanto, "non se pode vender sen notificar á Xunta", algo que non sucedeu, dixo.

"Non temos ningunha notificación, polo que non hai proceso de venda", remarcou Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Ademais, o presidente autonómico lembrou que desde hai tempo "hai bastantes rumores co interese da familia que ostenta o Pazo sobre venda ou non venda", en alusión aos herdeiros de Franco, e que nunca se materializou, polo que pon en dúbida que a transacción vaia a darse agora.

"Dubido bastante que alguén queira comprar ese pazo cando se está estudando a incorporación ao patrimonio público", cumprindo coa "vontade política" de Galicia que "quedou expresada polo Parlamento en setembro", indicou en alusión ao acordo por unanimidade para explorar a vía civil que permita a súa inscrición como ben público e que analiza unha comisión de expertos autonómica e outra impulsada pola Deputación da Coruña.

Así mesmo, insistiu en que a Xunta atenderá as propostas das comisións que estudan o caso, de forma que o Goberno galego procurará "incorporar ao patrimonio público as torres" pero -subliñou- "co compromiso de que non imos pagar por iso".

"Non imos pagar o pazo dúas veces", advertiu Núñez Feijóo que aclarou que as propostas que reciban trasladaranse á Asesoría xurídica da Xunta e actuarase "en consecuencia".

Feijóo nega a existencia dunha notificación sobre o proceso de...
Comentarios