Domingo. 27.05.2018 |
El tiempo
Domingo. 27.05.2018
El tiempo

Feijóo terá que responder sobre a fusión das caixas na sesión de control

Xunta de portavoces celebrada este martes. PEPE FERRÍN (AGN)
Xunta de portavoces celebrada este martes. PEPE FERRÍN (AGN)

O PPdeG rexeitou a comparecencia do presidente no Parlamento, como pedía a oposición

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, terá que responder na sesión de control no Parlamento a próxima semana sobre o proceso de fusión das extintas caixas de aforro galegas.

O PPdeG —grupo maioritario na Cámara galega— rexeitou na Xunta de Portavoces a comparecencia do presidente por esta cuestión pedida polos tres grupos da oposición, polo que En Marea e BNG incluíron na sesión de control este punto.

Os tres grupos da oposición pretendían que Núñez Feijóo dese conta da fusión entre as extintas Caixanova e Caixa Galicia en 2010 logo da declaración a pasada semana no Congreso do coautor dun informe elaborado por KPMG.

Con todo, o PPdeG decidiu rexeitar esa comparecencia ao entender que "xa se sustanciou" en xullo de 2013 coa declaración de Núñez Feijóo durante a comisión de investigación realizada no Parlamento galego.

"Evidentemente, na súa intervención e en todo o que consta, non hai ningunha mentira nin ningunha contradición" polo que é "irrisorio" que se pida agora o informe elaborado por KPMG "que está na Cámara desde hai anos e que foi entregado aos medios", sinalou o portavoz popular, Pedro Puy.

OUTRAS COMPARECENCIAS. Os representantes dos grupos da oposición censuraron que a sesión plenaria da próxima semana estea marcada polos "vetos" do grupo maioritario, posto que o PPdeG tamén bloqueou a comparecencia do presidente sobre a súa viaxe a México e a do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sobre os cambios na programación da CRTVG.

Neste sentido, os portavoces da oposición lamentaron que o Parlamento galego está "falto de democracia" xa que debe traballar baixo "a mordaza" do PP que imposibilita o "labor de control" do resto de grupos.

Na sesión de control, ademais, o PSdeG preguntará ao xefe do Executivo galego sobre a xestión no sistema sanitario da comunidade.

Tamén se producirá a comparecencia en pleno da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para abordar os diferentes proxectos de economía circular e na que é "probable que se anuncien cambios normativos", avanzou Puy.

Feijóo terá que responder sobre a fusión das caixas na sesión de...