Ferida unha moza en Vigo despois de impactar o seu vehículo contra un poste do tendido eléctrico

O suceso produciuse cando o turismo circulaba pola estrada de Cidáns sobre as 7.00 horas

 

Unha moza de 25 anos tivo que ser trasladada este mércores a un centro hospitalario para recibir asistencia médica polas feridas, en principio non graves, sufridas despois de chocar o vehículo que conducía contra un poste do tendido eléctrico na zona de Zamáns, en Vigo. Aínda que nun primeiro momento un veciño da zona deu a voz de alerta ao 112 de que se producira un atropelo, finalmente os servizos trasladados ao lugar puideron comprobar que o que acontecera era que unha condutora impactara co seu coche contra un poste do tendido eléctrico, segundo confirmaron fontes da Policía Local de Vigo. 

Finalmente, unha ambulancia asistencial trasladou á muller de 25 anos de idade e que responde as iniciais I.B.C. ao Hospital Perpetuo Socorro de Vigo e o seu estado non reviste gravidade, segundo informaron fontes asistenciais. En concreto, o suceso produciuse cando o turismo circulaba pola estrada de Cidáns sobre as 7.00 horas deste mércores.

O accidente causou danos no mobiliario urbano, porque caeu un poste da luz e os cabos quedaron tirados na calzada. No operativo interviñeron os profesionais das 061-Urxencias Sanitarias e os axentes da Policía Local.