Fernando Blanco, sobre De Lara: "Nin sequera a coñezo; nunca me chamou a declarar"

O exconselleiro lamentou que estivese "oito anos inhabilitado politicamente" pola súa imputación na Campeón, agora arquivada

O exconselleiro e exdiputado do BNG Fernando Blanco celebrou o sobresemento da causa xudicial que lle salpicou, tras deixar de estar investigado nunha peza separada da trama principal da operación Campeón, e pide cambios lexislativos que impidan que se repitan situacións como a vivida por el mesmo, que afrontou un proceso xudicial dilatado: "En termos políticos estiven oito anos inhabilitado".

"É evidente que logo de sete anos, a Xustiza chega tarde", esgrimiu en rolda de prensa Fernando Blanco, acompañado dos seus letrados na causa, Evaristo Nogueira e Xoán Antón Pérez Lema, que esgrimiron numerosas críticas sobre o proceso de instrución que dirixía a xuíza Pilar de Lara e que, na súa opinión, incorreu en dilacións inxustificadas.

Para o que fose responsable de Industria no Goberno bipartito PSDEG-BNG "fai falta unha reflexión" no mundo xudicial co obxecto de pór coto a procesos de instrución destas dimensións que teñen altos custos para as persoas ás que afecta, como foi o seu caso, ao decidir renunciar á súa acta, aínda que no seu partido, o BNG, non llo chegasen a pedir.

Sobre De Lara: "Nin sequera coñezo á xuíza, nunca falei con ela e nunca me chamou a declarar"

"Cando dimitín estaba convencido de que un imputado ten que dimitir para que a súa organización quede á marxe", explicou Blanco que, con todo, admite que naquel momento pensaba que o proceso xudicial concluiría nun "curto espazo de tempo" e non máis de sete anos despois.

Por iso entende que existe un "deficiente funcionamento da xustiza que deben corrixir" porque "para que un estado de dereito sexa un estado de dereito, a xustiza debe ser fundamental e un empeza a dubidar de que nalgunhas cuestións sexa así".

Así as cousas, pide avanzar cara a unha modificación lexislativa que evite a "utilización da xustiza como arma política" nunha "loita que, desde logo, non é limpa".

Confía en que estes cambios poidan servir para que "ninguén teña que estar a aguantar unha situación que é inxusta", xa que no seu caso -segundo el- afrontou "acusacións no aire".

Aparte, considerou que os cambios ademais da nivel xudicial tamén deben darse a nivel informativo porque el durante este proceso tivo "a sensación de que había xornalistas que xogaban a ser xuíces e xuíces a ser xornalistas" cun proceder baixo o que "desaparecen os dous factores, a xustiza e a información".

A pesar das súas discrepancias sobre o proceso, Blanco recordou que sempre foi "absolutamente respectuoso" coa Xustiza e non intentou "en ningún momento interferir en nada", procurando sempre colaborar "sen ningún tipo de problema" e facilitando toda a información que se lle solicitaba.

Deste xeito, asegurou que a súa crítica non está dirixida unicamente á titular do xulgado de instrución número un de Lugo, "nin sequera coñezo á xuíza, nunca falei con ela e nunca me chamou a declarar"; e engadiu que en todas as profesións "hai persoas que o fan mellor e persoas que o fan peor", "pero hai que ter mecanismos para corrixir eses erros".

Así as cousas, Blanco rexeitou valorar a posibilidade de que detrás das continuas demoras no seu caso se agochan intereses políticos, remarcando que tratar unha "teoría conspiranoica" non lle corresponde a el, sendo este un aspecto que non me preocupa tanto xa".

Con todo, o exconselleiro non ten pensado volver á primeira liña política, "todo na vida ten unha época" e, a actual, non é a súa -dixo- ao entender que o panorama político presente está marcado por unha "radicalización tremenda" que non chega a ningún lugar xa que cos posicionamentos que manteñen as organizacións hoxe en día é "imposible practicamente chegar a proxectos que beneficien á cidadanía desde diferentes posicionamentos".

"Se se perde a vía de diálogo, o que estamos a construír é un mundo moitísimo peor, e dáme a sensación de que por aí van os tiros", lamentou Blanco, que enfrontou a tónica habitual cos logros conseguidos desde o consenso cando, el mesmo sendo un deputado da oposición no ano 2009, impulsou o debate sobre a reforma da Lei de Caixas.

Mentres, os seus representantes legais, como el, tamén cargaron contra un proceso xudicial que foi prexudicial para o seu defendido e que, segundo Pérez-Lema, intentouse converter "nunha causa xeral" que non derivaba das acusacións do empresario Jorge Dorribo das que partía a causa que afectaba ao socialista José Blanco.

Os seus avogados asegura que, xa desde 2014, con múltiples informes examinados, non houbo unha motivación obxectiva para continuar coa investigación

Segundo a súa opinión, desde o ano 2014 con múltiples informes examinados, non houbo unha motivación obxectiva para continuar coa investigación desta peza separada e que, con todo, o Ministerio Fiscal permitiu nunha actuación que o letrado tachou de francamente "negativa".

"Consecuencias irreparables, políticas e persoais que non teñen volta atrás"
Pola súa banda, Evaristo Nogueira destacou que lamentablemente "Fernando Blanco é a paradigma desa pena que non esta recollida no código penal, a pena do banco" que tivo para el "consecuencias irreparables, políticas e persoais que non teñen volta atrás".

Deste xeito, sumouse á petición dunha reforma da Lei de Enxuízamento Criminal que precisaría dotar ao sistema de máis recursos.

Na súa opinión, tamén se debe reflexionar sobre "se toda investigación debe levar a dimisión dun cargo público" en tanto que o 90 por cento das querelas que se presentan admítense a trámite, o que fai "moi fácil afundir a alguén politicamente".

"Non se pode xudicializar a política para pedir dimisións" porque iso derivaría no "perigo" que suporía que fosen os poderes xudiciais quen "decidan quen se poida presentar" a un cargo público, resolveu.

Comentarios