martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Os Franco perden o recurso de Meirás e aprazan o xuízo de Casa Cornide

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
Pazo de Meirás. AEP

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña desestimou o recurso da familia Franco contra a personación do Concello de Sada e a Xunta de Galicia na demanda do pazo de Meirás por considerar que existe un interese lexítimo na intervención, informou o consistorio deste municipio coruñés.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reaccionou á noticia este martes celebrando que o Goberno galego poida defender os intereses do "patrimonio público dos galegos" para a recuperación do Pazo de Meirás, propiedade da familia Franco.

En declaracións aos xornalistas, Núñez Feijóo apuntou que a devolución desta propiedade é un traballo ao que a Xunta sededicou "desde hai anos" coa constitución dunha "comisión con expertos" e "unha valoración unánime no Parlamento" que posteriormente, engadiu, remitiron ao Goberno central.

"O único que expomos é que se ese pazo é de patrimonio público o lóxico é que non estea no patrimonio de ningunha familia e que volva outra vez" á titularidade pública, indicou, pois o Executivo autonómico non ten "nada contra ninguén".

CASA CORNIDE. Por outra banda, a familia Franco logrou aprazar a vista pola ocupación simbólica da Casa Cornide, na Coruña, ao solicitar que se eleven as penas que o xuíz pide para os nove activistas do BNG que protagonizaron a protesta. 

En concreto, en setembro de 2017, un total de nove activistas vinculados ao BNG accederon ao balcón desta inmoble propiedade da familia do ditador e situado no centro da cidade herculina para esixir a súa devolución ao patrimonio público. 

En declaracións aos medios, o 'número un' do BNG ao Congreso pola Coruña e integrante do colectivo 19 de Meirás que protagonizou outra ocupación simbólica no Pazo de Meirás, Néstor Rego, explicou que o xuízo foi "suspendido" porque os sete netos de Franco consideran que a cualificación como delito de faltas que tiña establecido o xuíz "non era suficiente". 

Segundo informou Néstor Rego, a familia do ditador solicita que se lles imputen catro delitos, "entre eles algún que xa utilizou no caso do Pazo de Meirás" como "violación de morada ou delito de honra" que, conforme sinalou, poderían supor "penas de ata 13 anos de prisión". 

"Parécenos un despropósito desde o punto de vista político e xurídico", manifestou Rego, que subliñou que o BNG, formación á que están vinculados os activistas que protagonizaron os actos simbólicos, "non se vai a botar atrás". 

Os Franco perden o recurso de Meirás e aprazan o xuízo de Casa Cornide
Comentarios