domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

En galego ata despois da morte

Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, situado xunto á igrexa. PORTO
Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, situado xunto á igrexa. PORTO

Na necrópole de San Facundo de Ribas de Miño a nosa lingua está moi presente, no 99% das lápidas. Un caso único porque na comunidade só unha de cada mil tumbas se atopa no noso idioma

Ramón Cabanillas deixou escrito no seu poema Galicia: "¡Xuremos! Dereito ou torto, sin máis alcuño nin achego, doente ou san, vivo ou morto, gallego... ¡soio gallego!". En Galicia non se cumpre o de morto tamén en galego, aínda que hai unha excepción. Trátase do cemiterio da parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, no concello de Paradela, onde o "99%" das lápidas están escritas na lingua da terra.

Así o destaca Xosé González Martínez, secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL), un colectivo que leva máis de 20 anos tratando de galeguizar a fin da vida. A entidade promove a campaña 'En galego, agora e sempre' para que as lápidas e as necrolóxicas estean tamén nesta lingua.

San Facundo de Ribas de Miño galeguizouse coa construción do novo cemiterio. A parroquia de Paradela contaba cunha necrópole no adro da igrexa románica. Hai xa uns anos foi creado un novo cemiterio nun lateral e levantáronse os restos do antigo camposanto para trasladalos ó novo, recorda o alcalde, José Manuel Mato. Entón un técnico da Xunta propúxolles ós veciños que as lápidas estiveran en galego e así o aceptaron todos, indica o rexedor, quen apunta que é o cemiterio "máis galeguizado" da comunidade. Xosé González subraia o labor deste técnico da entidade autonómica, ó que "lle chegara ós oídos a campaña" posta en marcha polo colectivo hai xa máis de dúas décadas.

Xosé González Martínez, secretario da AFNL: "A parroquia dos vivos fala galego, mentres que a dos mortos, castelán. É unha contradición que hai que resolver"

"Recordo da túa esposa, fillos e neto", "Recordo dos teus fillos", "Recordo dos teus fillos e irmán", "Recordo da túa esposa e fillos", "Recordo da túa familia"... E así unha tras outra. Das tumbas que teñen inscrición neste pequeno cemiterio do concello de Paradela, só unha se atopa en castelán.

Para o representante da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño é unha necrópole "coherente, que se expresa na fala dos seus veciños".

Asegura que é un caso "único", aínda que hai que ter en conta que se trata dun moi pequeno cemiterio, con menos de vinte tumbas. Esta necrópole é singular pola súa galeguización porque, segundo un estudo levado a cabo por esta entidade, "só unha de cada 1.000 lápidas" na comunidade contan coas inscricións en galego. Outro tanto ocorre coas necrolóxicas dos xornais, que figuran neste idioma unicamente "nun 2%".

González ve un "contrasentido" que nunha comunidade monolingüe, "onde a xente se expresa en galego, cando morren poñen necrolóxicas nos postes da luz en castelán, o cura oficia a misa en castelán e as lápidas están en castelán". Como di, "a parroquia dos vivos fala galego, mentres que a parroquia dos mortos (o cemiterio), castelán". Isto é unha "contradición que hai que resolver urxentemente". "Se houbera unha erupción volcánica e 300 anos despois se fixeran catas, a conclusión á que chegarían os investigadores polas tumbas é que aquí non se falaba galego", manifesta.

TRABALLO PEDAGÓXICO. Para corrixir esta situación cre que habería que facer un traballo "pedagóxico". Por iso desde a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística desenvolven actividades dentro da súa campaña 'En galego, agora e sempre'. Este ano levaron a cabo unha ducia e para 2018 proxectan promover algunha na provincia de Lugo.

Entre as iniciativas que organizaron durante estes anos atópase a colocación de placas nas portas dos camposantos co lema "Na memoria de todos os que aquí xacen porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu".

Tamén colaboran no cambio de lápidas para que teñan as inscricións en galego e editan todos os anos o libro Agora e sempre, no que ata o momento recolleron máis de mil mandas testamentarias. Entre elas figura a de Manuel Fraga, que pediu que a súa lápida estivera en galego, como así é.

Ademais, nos actos que organizan propoñen a sinatura dunha acta de vontades na que os firmantes indican que queren que a súa necroloxía e lápida estean en galego, así como que o funeral sexa tamén nesta lingua. "Asinan e levan unha copia para a súa casa. Despois falarano coa familia e é a mellor maneira de pedagoxía", apunta Xosé González Martínez.

Este destaca que as actividades "dan resultados, despois colócanse máis lápidas en galego". "Hai que facer moita pedagoxía", insiste o secretario do colectivo, para que a parroquia dos mortos tamén fale galego.

En galego ata despois da morte
Comentarios