A Xunta adquire 50.000 test de antíxenos

A fiabilidade destas probas é do 93 %. Os resultados obtéñense aos 15 minutos
Test de antíxenos. EFE
photo_camera Test de antíxenos. EFE

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves a compra dunha nova ferramenta para detectar os contaxios coa adquisición de 50.000 test de antíxenos de segunda xeración que permitirán a Galicia aumentar a súa "capacidade de cribado".

Esta compra suporá para Galicia continuar facendo fronte ao virus baixo o mantra de cribar, "diagnosticar e previr", que é clave para encarar a segunda onda do coronavirus mellor parados.

Por iso, e á vista de que nas próximas semanas vai haber máis infeccións respiratorias derivadas do paso do verán ao outono polo que a gripe será un problema adicional, o sistema galego de saúde refórzase con esta nova compra que se repartirá entre as sete áreas sanitarias.

Núñez Feijóo explicou que a fiabilidade destas probas "é moi razoable" xa que é do 93 % polo que cando unha persoa dá negativo neste test "resólvese", mentres que se a proba dá positivo recoméndase utilizar tamén unha PCR complementaria.

O test de antíxenos contan coa vantaxe da rapidez xa que "en quince minutos temos os resultados".

GRIPE. Así mesmo, o presidente galego tamén avanzou a posta en marcha da campaña da gripe que, nesta ocasión terá especial importancia pola afectación do coronavirus.

A campaña de forma oficial comeza o próximo 13 de outubro para a poboación xeral pero os profesionais sanitarios e os colectivos vulnerables poderán comezar a vacinarse xa desde o 5 de outubro.

Núñez Feijóo fixo un chamamento ás persoas que integran estes colectivos para que aproveiten este período "extra" antes de que se inicie a campaña xeral. 

Comentarios