"Galicia ten en Rueda presidente non para a vindeira lexislatura senón para moitos anos"

O deputado de Redondela Alberto Pazos Couñago é o novo voceiro parlamentario do PPdeG, cargo no que substitúe ao seu "mestre" Pedro Puy. Del herdou, confesa, a importancia de tender a man e dialogar, aínda que admite que o seu estilo é diferente, xa que Pazos é máis de látigo e ironía. En calquera caso, chega cunha idea moi clara: "Aquí págannos por chegar a acordos para resolver os problemas da xente, non para montar espectáculos televisivos". 
pazos
photo_camera Alberto Pazos Couñago (Redondela, 1972). PEPE FERRÍN (AGN)

Antes de nada... Xa marchou de vacacións de verán sabendo que sería portavoz do grupo parlamentario do PPdeG?

En absoluto! O presidente tomou o seu tempo para facer os seus plans e tratar de reorganizar o grupo, porque tras os dous procesos electorais acumulamos un bo número de baixas, con ata sete deputados novos. Reflexionou, tomou decisións e comunicoumo pouco antes de que se fixese público. 

E que sentiu cando llo dixo?

Foi unha sensación encontrada. Por un lado fun consciente do recoñecemento que supón; o presidente coñéceme perfectamente porque traballamos xuntos moito tempo. Pero por por outra banda, non vou ocultar que dá certa vertixe pola responsabilidade que supón. Pero desde que me nomearon, debo dicir que os compañeiros se volcaron conmigo e iso facilita absolutamente todo. 

Ao fin e ao cabo vostede xa era vicevoceiro. Só se trata de moverse un par de escanos. 

Si, supón moverse dúas cadeiras de nada, pero a perspectiva do hemiciclo cambia notablemente [ri].

Non vou ocultar que dá certa vertixe pola responasbilidade que supón ser voceiro, pero o apoio dos compañeiros facilítao todo

O portavoz é o que senta detrás do presidente. É vostede o que lle garda as costas a Rueda?

Afortunadamente o presidente ten as costas moi ben gardadas, con 41 señoras e señores que estamos ao que nos pida. 

Substitúe no cargo a Pedro Puy. El tiña fama de ser moi dialogante e vostede tena de deputado de lingua ácida, dos que lle atiza duro á oposición. Son tan diferentes?

Somos moi diferentes nas formas e somos moi parecidos no fondo. Con Pedro Puy comparto a necesidade permanente de diálogo, de tentar chegar a acordos e de ter a man tendida. Foi o que el nos inculcou e eu non coñecín outro voceiro no PPdeG máis ca el, así que me considero alumno do profesor Puy. Pero logo cada un ten o seu estilo: a min acúsanme de tirar moito de ironía e ser máis ácido e non vou negar o evidente. Admito que son moi vehemente nas formas, pero comparto esa necesidade de tender pontes, porque é polo que nos pagan en última instancia por estar aquí: para chegar a acordos e ser útiles á xente. Logo está todo o demais, onde tamén queda espazo para a lírica! [ri]

Malia á súa fama, algún amigo terá no BNG e no PSdeG.

Teño moi boa relación coa práctica totalidade da oposición. Hai que distinguir e ademais os políticos temos que facer pedagoxía. Cando lin o do incidente de Óscar Puente no Ave pensei que era unha mala nova, porque non podemos estar pelexando pola rúa por cuestións políticas. Cada quen ten a súa opinión. Eu no Parlamento tiven grandes encontronazos con algúns deputados e, curiosamente, é cos que mellor relación persoal teño. 

Para que a xente de fóra o saiba: que fai un voceiro parlamentario ademais de falar?

Ten tres grandes responsabilidades: levar a bandeira das posicións do grupo, coordinar neste caso a 42 deputados e ser o enlace de comunicación coa oposición. 

Se o presidente di que non adiantará as eleccións eu non llo vou discutir! O que vexo é ansiedade e desnorte na oposición"

Antes falou dos procesos electorais que trouxeron cambios no grupo parlamentario, onde hai moita xente sen apenas experiencia no Hórreo. Pode resentirse o PPdeG?

Non o sei! Pero su sempre lembro que cheguei aquí con experiencia cero e sempre lle agradecerei a Pedro Puy que ás poucas semanas me puxo á fronte dunha comisión de estudo para combater a corrupción. Quero dicir que a xente que vén con ganas sempre vai ter oportunidades para demostrar a súa valía, e penso que imos ver tamén agora sorpresas agradables. 

Sempre que non sexa moi curta a lexislatura, non. Porque se fala moito de adianto electoral...

Iso é unha cuestión que non está na miña cabeza. É potestade dunha única persoa e serán cando diga o presidente. O meu traballo é que o grupo parlamentario esté preparado mentres dure a lexislatura e tamén cando se convoquen as eleccións. 

Rueda insiste moito en que non adiantará. 

Pois se o di o presidente eu non llo vou discutir! O que vexo é que hai unha mestura de ansiedade e desnorte curioso na oposición, que por un lado pide que adiantemos e incluso o dan por feito, pero ao mesmo tempo non inican o proceso para estar preparados. Eu non entendo nada. A ver se alguén con máis capacidade ca min mo explica algún día. 

Terá un debut ao grande co debate do estado da autonomía, o primeiro no que asume tanta responsabilidade. Que podemos agardar do PPdeG nesa cita?

Somos un partido previsible. O presidente fará un balance da xestión cos logros do seu Goberno, que os hai porque a folla de servizo é envexable; porá enriba da mesa os problemas que nos atopamos e as posibles solucións que podemos darlles desde Galicia, así como as demandas a outras administracións; e marcaranse os retos de futuro. É o que adoita facer o presidente do PPdeG, sexa quen sexa, neste debate. 

A oposición é moi previsible: no debate da autonomía fará o retrato dunha Galicia negra que ningún galego recoñece"

E que agarda vostede da oposición?

A oposición é case máis previsible! Normalmente fan un retrato negro dunha Galicia na que eu non me recoñezo e afortunadamente a maioría dos galegos tampouco. E moito me temo que ante a proximidade da cita electoral, ese negro será máis fondo que nunca. Pero cando máis inciden niso, máis se afastan dos galegos. 

Cre que fracasou Alberto Núñez Feijóo?

Non. Cada día que pasa Feijóo identifícase como a única solución para os problemas deste país. No debate de investidura el foi un descubrimento para moita xente, que incluso estes días contactaban con nós para preguntarnos que onde o tiñamos todo este tempo! Pois aquí de presidente, e cando os galegos elixen alguén durante 14 anos é porque ten moita valía. O esquema que comentaba antes para o debate da autonomía é o mesmo aquí: hai que ver de onde vimos, onde estamos e a onde imos. O PP viña dunha crise fondísima onde os titulares falaban de refundación e de ser terceira fora, pero nun ano e medio temos maior poder municipal e autonómico que nunca e fomos a forza máis votada nas xerais. Como para cuestionar un liderado! Creo que todos asumimos que máis cedo que tarde Feijóo será presidente. 

Que escenario albisca na política estatal a partir de agora?

Non son quen de albiscar nada porque a situación é extremadamente complexa. Teño clara unha cuestión: haberá investidura se depende da capacidade de ceder de Pedro Sánchez. Pero dudo que realmente dependa del, porque a desgraza é que a decisión sobre o futuro de España recae agora en quen non quere que lle vaia ben a España: así que se o peor para o país é que se repitan eleccións, repetiranse, e se o peor é que haxa goberno de Sánchez, haberao. 

E que papel xogará Galicia?

Galicia será a de sempre: un lugar de fiar, referente de estabilidade e exemplo do que queren a maioría dos españois. Un lugar onde a política é normal e onde o goberno traballa para solucionar os problemas da xente, non para crearlle máis. Entre tantos fogos de artificio, aquí estamos para traballar pola xente, non para dar espectáculos televisivos. 

Non sei que pasará. A desgraza é que o futuro do país está en mans de quen non quere que lle vaia ben a España"

O Parlamento galego tamén se contaxiou algo dese show político. 

O Parlamento galego é a demostración de que, por riba dos discursos, somos quen de acadar acordos en cuestións substanciais. É certo que na cercanía das eleccións non é o mellor momento, pero aínda así aquí seguimos negociando leis a diario, admitindo suxestións, dialogando, aceptamos as resolucións dos letrados da Cámara con normalidade... Iso en parte é posible porque hai un grupo maioritario, o PPdeG, que marca os límites. Eu cando miro o que pasa noutros parlamentos, non o envexo. 

Alfonso Rueda xa leva máis dun ano de presidente. Como o ve?

Feijóo é o Fraga da miña xeración, unha figura case mítica logo de catro maiorías absolutas, así que cando o houbo que suceder, igual que ocorrera con Fraga, non foi sinxelo. Pero cando pasa máis dun ano e ves a naturalidade coa que Alfonso Rueda se investiu co traxe de presidente é sorprendente. Fala, de verdade, dunha talal polítca moi alta. Teño o convencemento de que Galicia ten presidente non para as vindeiras eleccións, senón para moito tempo. Rueda ten amosado cercanía, naturalidade e capacidade para illarse do ruído e centrarse no fundamental. As grandes medida de Rueda son apegadas á rúa. E o galego, por riba de todo, é un pobo agradecido e a Rueda vanlle agradecer ese compromiso coas cousas importantes.