Galicia, a terceira comunidade en desprotección dos hábitats naturais costeiros

A praia de Liméns, en Cangas, entre as 10 máis ameazadas do Estado pola expansión urbanística

Playa de Liméns, en Cangas. ADP
photo_camera Praia de Liméns, en Cangas. ADP

A comunidade galega, á cola do Estado na salvagarda do litoral. Un informe impulsado pola entidade ecoloxista Greenpeace alertou do problema de desprotección que presenta Galicia respecto ao coidado dos hábitats naturais costeiros. E Pontevedra é a peor parada. O 12,1% da costa pontevedresa está degradada pola construción A praia de Liméns, en Cangas, atópase entre as 10 máis ameazadas do Estado pola expansión urbanística. 

A costa galega mantense como a terceira comunidade con maior proporción deste tipo de hábitats fóra das figuras de protección da natureza existentes na lexislación. Greenpeace calcula que unhas 54.500 hectáreas destas zonas están desprovistas de protección. Estas cifras representan preto do 41,1 por cento de toda a costa de Galicia. 

O informe A toda Costa 2019, presentado pola entidade, alertou á súa vez de dentro dos hábitats naturais non protexidos "un 92,3 por cento son recoñecidos como de interese", mentres que un 32,7 por cento están catalogados pola propia Unión Europea "como prioritarios para a súa conservación". De feito, o litoral alberga ata "seis" tipos de hábitats que se enmarcan nesta categoría e que se estenden ao longo de 16.483 hectáreas. A entidade insistiu, neste sentido, na importancia de "recoñecer e protexer estas áreas costeiras". 

PRAIAS AMEAZADAS. Galicia conta tamén cunha do dez praias naturais máis ameazadas pola expansión do ladrillo e a urbanización masiva na costa: o caso de Liméns, na provincia de Pontevedra. As outras nove zonas son Gaspar (Barcelona), Cala Mosca (Alicante), Margalida-Playa Son Real (Islas Baleares), La Cola (Águilas, Murcia), El Palmar-Castilnovo (Cádiz), Matas Blancas (Fuerteventura, Las Palmas), Tranqueru (Asturias), Rosamunda (Cantabria) e Azkorri (Euskadi). 

Pontevedra é a zona máis afectada en Galicia por esta expansión. O 12,1% da costa de Pontevedra está degradada por construción. O crecemento da cidade de Vigo na segunda metade do século XX "supuxo o cambio de fisonomía máis radical da costa norte de España", destaca Greenpeace, con 5.463 novas hectáreas artificiais desde 1987. 

As condicións destes hábitats víronse agravadas, á súa vez, pola actividade incendiaria. "A perda de hábitats naturais é alarmante dado que representan tan só un 11% da costa. Até 2014, o control da erosión mellorara debido á redución de áreas desprovistas de vexetación, pero debido aos grandes incendios do verán de 2017 esta situación empeorou drasticamente". 

Comentarios