
O ministro Méndez de Vigo indicou que traballarán na dinamización cultural do Camiño de Santiago para que as actividades culturais sexan permanentes
O Goberno español declarará o Ano Santo Xacobeo de 2021 acontecemento de Excepcional Interese Público, con todas as desgravacións fiscais que son aplicables. Así o anunciou este martes o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, en resposta a unha pregunta do popular Gerardo Criado, durante o pleno do Senado.
Ademais, o ministro indicou que traballarán na dinamización cultural do Camiño de Santiago, para que as actividades culturais sexan permanentes e non só se centren nos anos xacobeos; e buscarán a participación en redes internacionais porque, segundo sinalou Méndez de Vigo, "once séculos de historia converten ao Camiño no itinerario cultural máis importante de Europa".
Tamén teñen prevista a posta en marcha de programas formativos transversais para fomentar a sensibilización pola conservación do patrimonio, así como a mellora das infraestruturas, con novos balizamentos e aplicacións dixitais. Finalmente, velarán pola protección do Camiño, para o que traballaron na georreferenciación do mesmo elaborando unha cartografía plena e detallada.
Precisamente, Méndez de Vigo afirmou que boa parte do éxito do Camiño de Santiago ten a súa orixe en 1987 –cando se declarou primeiro itinerario cultural europeo– momento en que o sinalizaron e balizaron. Desde entón, segundo precisou, a sociedade española asistiu ao "esplendor" desta ruta.
"Estas medidas e outras que van xurdir farán do Camiño de Santiago ese gran evento cultural, relixioso, patrimonial, lúdico que encandea a tantos peregrinos non só españois senón de Europa e o mundo enteiro. Coa coordinación das comunidades autónomas faremos do 2021 un éxito tan grande como o 2010", subliñou.