miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

Gonzalo Caballero: "Estamos listos para gobernar Galicia; hai moi boas vibracións"

Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975). AGN.
Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975). AGN.
O líder dos socialistas galegos vese presidente a partir do domingo. Cre que a alianza con Galicia en Común e BNG "acertará" e garante que o primeiro que fará será buscar un pacto pola reconstrución e reunirse con Sánchez.

A campaña remata. Que sensacións lle deixa?
Moi positivas. Hai moi boa receptividade ás propostas e á candidatura ao longo do territorio. Percibimos unha demanda de cambio e unha esperanza progresista vinculada a un triunfo electoral do PSdeG. Temos boas vibracións e o electorado está mobilizándose; vai ser un tsunami electoral que vai derrotar á dereita.

As enquisas non se moven moito. Está preocupado?
A mellor enquisa son os resultados electorais das xerais e municipais de 2019. Hai oito meses votamos en Galicia e o 55% fíxoo en clave progresista. O PSdeG goberna hoxe cinco das sete cidades, tres deputacións e máis de cen concellos... Esa é a mellor enquisa. Se os progresistas concentran o voto no PSOE haberá unha derrota clara dunha dereita que non estivo á altura nestes once anos.

Como pode influír o brote da Mariña nestas eleccións?
Estamos moi preocupados por ese brote, porque Feijóo dicía que estaba controlado e 24 horas despois decretou o illamento de 14 concellos e 70.000 galegos. O número de contaxios é maior hoxe que cando se decretou a emerxencia sanitaria o 13 de marzo e a maioría están concentrados na Mariña. O que lle pedimos ao presidente é que compareza no Parlamento en lugar de agocharse. E tendémoslle a man dos alcaldes socialistas da Mariña para tratar de atallar este brote. En todo caso, o PSdeG constituíu en marzo un grupo de expertos sanitarios con longa traxectoria para abordar esta pandemia, así que temos o mellor equipo sanitario para tomar as rendas da consellería a partir do domingo para responder a estes brotes e fortalecer a sanidade pública. Estamos preparados para gobernar Galicia.

Cre que habería que suspender as eleccións na Mariña?
As eleccións na Mariña o domingo son moi complexas porque hai milleiros de persoas en corentena e que, malia que Feijóo lles di que poden ir votar, están preocupados. E a Xunta quérelles pasar a responsabilidade aos concellos, que non teñen autoridade ningunha sobre médicos, centros de saúde ou sobre o hospital.

Teme que caia a participación?
É unha posibilidade que existe. Nós pedimos que a xente participe e que vote en liberdade. E aqueles que votaron PSOE o ano pasado, que o fagan novamente porque é crucial acertar nesta crise para darlle unha saída pola esquerda.

Quedou satisfeito co debate?
Plenamente satisfeito. Tanto compañeiros do partido como a xente pola rúa me felicitaron por un debate que amosou un proxecto esgotado, o do PP, fronte a un PSdeG que lidera o cambio e no que os galegos poden confiar. As tres dereitas atacáronme de forma continua porque saben que o próximo presidente da Xunta será o candidato do PSdeG.

Que lle trasladou Pedro Sánchez estes días de campaña en Galicia?
Pedro tamén me felicitou polo debate e está totalmente pendente dos temas que preocupan en Galicia. E eu trasladeille que en canto haxa un goberno progresista en Galicia reunireime con él para marcar unha folla de ruta que dé solución aos problemas dos galegos: apostar polos servizos públicos coa convocatoria de 5.000 prazas para profesionais sanitarios en canto o Goberno elimine a taxa de reposición, crear 2.000 prazas en residencias públicas para maiores, libros de texto gratis, un ordenador por alumno, primeiras matrículas gratis na universidade a partir xa do vindeiro curso... E traballarei tamén nunha folla de ruta económica.

Como se entende con GeC e BNG?
Eu non son nacionalista, son galeguista; e non son rupturista, son reformista. Pero o único cambio de goberno posible que remate co control da dereita rancia e caciquil en Galicia é o pilotado polo PSOE. Cos outros partidos teño unha boa colaboración e entendo que son aliados. E igual que gobernamos xuntos nas deputacións con presidentes socialistas, na Xunta tamén acertaremos.

Remata a campaña sen unha solución para Alcoa sobre a mesa.
O presidente da Xunta non ten folla de ruta para Alcoa; Feijóo é o problema, non parte da solución. Eu levo máis de 20 anos traballando en política económica e estou comprometido con Alcoa. Traballarei desde o primeiro minuto co Goberno de España e contemplarei calquera intervención legal e viable para que non paren as cubas.

Que será o primeiro que faga se chega á Xunta tras o 12-X?
Convocarei os partidos, o poder municipal e as forzas sociais para un grande acordo pola reconstrución. E xa lle trasladei a Sánchez que me reunirei con el para compartir e esixir unha folla de ruta que lle dea solución a Alcoa.

MOI PERSOAL | "O domingo pola noite estou disposto a darlle medio grolo a un cubata para celebralo"

Nunca sae da casa sen...
Sen as chaves, sen o móbil e agora, tamén sen a mascarilla.

É vostede moi tecnolóxico?
O necesario para vivir nun mundo de transformacion dixital.

A mascarilla de Caballero. AGN.Leva as súas redes sociais?
Eu levo directamente o Twitter e o Facebook, mentres que me botan unha man con Instagram e tamén coa outra páxina que teño en Facebook, a que é electoral.

Que tal levou o confinamento?
Pois como todos: con preocupación polo que estabamos vivindo e, de xeito especial, pola xente máis próxima como os meus pais. Estiven na casa coa familia e cos nenos, algo que agradecín nunha etapa política na que estou moitísimo menos do que me gustaría. De todos os xeitos, a miña vida académica ensinoume a estar moito tempo recluído.

Que tal o tratan como vigués cando vai a A Coruña?
Extraordinariamente ben. Teño alí familia e bos amigos e encántame a cidade.

É supersticioso?
En absoluto.

Quédalle algo de tempo para ler nesta campaña?
Nesta campaña queda moi pouco tempo para ler. E o certo é que me gustaría ler moito máis do que podo, porque son un lector empedernido.

Leva máis de dous anos metido nun coche percorrendo Galicia. É dos que viaxa con música?
Habitualmente non. Se vamos varios imos falando e, se non, ás veces vou traballando.

O seu lugar favorito en Galicia?
Toda Galicia é excepcional. Por dicir un lugar costeiro, as illas Cíes e un de montaña, pois O Courel.

Unha viaxe soñada?
Teño viaxado moito por distintas cuestións, sobre todo profesionais e académicas, pero sempre queda moito mundo por coñecer. Un lugar ao que non puiden ir e me gustaría é Exipto.

Bota de menos a universidade?
A verdade é que me gusta moito e si que a boto de menos. E iso que non hai tanto que a deixei porque o ano pasado a estas alturas aínda estaba corrixindo exames.

Confesou que nunca bebera un cubata. Se chega este domingo á Xunta animarase para celebralo?
Estarei disposto a darlle un grolo, ou medio, o domingo á noite, porque imos gobernar.

Gonzalo Caballero: "Estamos listos para gobernar Galicia; hai moi...
Comentarios