jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Gonzalo Caballero: "O tempo das candidaturas está pechado"

Ana Prieto, Olga Alonso, Gonzalo Caballero, Pilar Cancela e Marina Ortega. XOÁN REY (EFE)
Ana Prieto, Olga Alonso, Gonzalo Caballero, Pilar Cancela e Marina Ortega. XOÁN REY (EFE)

"Agora é tempo de saír a gañar as eleccións", dixo o líder dos socialistas galegos

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu en que o conflito ao redor das candidaturas socialistas en Galicia está definitivamente superado. "O tempo das candidaturas está pechado", afirmou este martes en declaracións aos xornalistas. "O tempo das candidaturas e das listas está pechado, agora é tempo de saír a gañar as eleccións", dixo o líder dos socialistas galegos na Praza do Obradoiro, onde compareceu ante os medios acompañado polas catro mulleres que encabezan as candidaturas ao Congreso por Lugo, Ana Prieto; A Coruña, Pilar Cancela; Pontevedra, Olga Alonso e Ourense, Mariña Ortega.

"Eu non estou na batalla de cargos. Levo un ano e seis meses dirixindo o PSdeG e seguindo coa miña tarefa como profesor universitario, e se o secretario xeral pon os intereses colectivos por encima de calquera tipo de interese individual a organización ten que facer o mesmo, que é porse a traballar para gañar as eleccións e esquecerse dos nomes, que non é o prioritario", indicou Caballero.

Afirmou que o Partido Socialista ten "unhas magnificas listas e unha militancia entregada", e recoñeceu: "Percibo unha gran satisfacción no partido".

"A todos nos gustaría facelas distintas, probablemente tamén ao secretario xeral, pero as listas son as listas do partido e teñen unha finalidade fundamental que é a de convencer á cidadanía de que hai que dar unha maioría clara ao PSOE. As listas non as fai nin un militante, nin un candidato, nin o secretario xeral, fainas toda a organización e apróbaas o Comité Federal por unanimidade, e desde ese momento son as listas de todos os socialistas", afirmou Gonzalo Caballero.

Por tanto, o secretario xeral dos socialistas galegos despexou calquera dúbida que puidese quedar ao redor das listas ao sinalar que "o tempo dos nomes e dos postos xa está resolto".

Nas súas declaracións aos xornalistas, Caballero tamén mostrou o seu malestar "pola morneza de Feijóo fronte á ultradereita". "Querémoslle pedir ao presidente da Xunta e do PPdeG que deixe a súa morneza fronte a ultradereita, que sexa claro e rotundo para dicirlle non a unha ultradereita que representa o peor que lle pode ocorrer a unha cidadanía que quere avances e que quere igualdade", dixo.

"A morneza de Feijóo fronte á ultradereita ábrelle a Vox as portas electorais en Galicia", polo que pediu ao presidente da Xunta e do PPdeG "que mostre o seu rexeitamento a Vox e aos pactos que o PP quere ter con Vox". "O PP non pode seguir xogando cos intereses de Galicia en clave cos intereses electorais de Casado; ten que ser nítido e contundente e tenlle que dicir á ultradereita que non queremos ningún pacto con Vox", concluíu.

Gonzalo Caballero: "O tempo das candidaturas está pechado"
Comentarios