Un home falece afogado dentro dunha cisterna de leite en Chantada

Trátase dun veciño de Trabada de 63 anos que traballaba para a láctea Xabelo, situada en San Xurxo do Asma

Sede de Lácteos Xabelo, en Chantada GOOGLE MAPS (Lácteos Xabelo S.L.)
photo_camera Sede de Lácteos Xabelo, en Chantada GOOGLE MAPS (Lácteos Xabelo S.L.)

Un home de 63 anos de idade, José Rodríguez Amor, veciño da localidade de Sante, no municipio de Trabada, apareceu morto na mañá deste sábado no interior dun camión cisterna que se usa para recoller leite nas explotacións agrarias e logo trasladala a un centro de procesamiento, neste caso a unha empresa chamada Lácteos Xabelo, situada no lugar de Centulle, a chantadesa parroquia de San Xurxo do Asma.

O falecemento deste traballador da láctea sucedeu en estrañas circunstancias, segundo puido saber este diario, xa que a súa función non tiña nada que ver co enchido nin baleirado das cisternas.

Foron uns compañeiros os que deron a voz de alarma tras ver que unha cisterna tiña aberta unha das súas bocas superiores desde facía demasiado tempo, ao que se lle sumaron as circunstancias de non saber nada desde facía tempo de José Rodríguez e atopar xunto á beira do camión cisterna, no chan, un zapato.

Algunhas das persoas que estiveron no lugar dos feitos sinalaron que de inmediato houbo unha asociación de ideas, pensando no peor, que fixeron que un se subise ao alto da cisterna e mirase pola boca de enchido aberta, vendo o corpo sen vida de José Rodríguez Amor flotando no leite.

HIPÓTESIS. As estrañas circunstancias do sucedido en Lácteos Xabelo propiciou a apertura dunha investigación por parte da Garda Civill, pois todos insisten no insólito que foi todo o que rodea o falecemento de José Rodríguez.

Non se sabe se se tratou dun suicidio ou dun accidente, pero tampouco se descartan outras hipóteses.

A autopsia que se lle realizará previsiblemente na mañá deste domingo en Lugo arroxe luz sobre as causas do óbito.

O sucedido nesta coñecida láctea chantadesa correu como a pólvora na tarde do sábado entre a veciñanza, que lamentou amargamente este luctuoso suceso.