martes. 28.01.2020 |
El tiempo
martes. 28.01.2020
El tiempo

Cinco homes e catro mulleres xulgarán o César Adrio polo crime de Ana Enjamio

César Adrio, presunto asesino de Ana Enjamio. SALVADOR SAS
César Adrio, presunto asesino de Ana Enjamio. SALVADOR SAS
Este luns arrincou o xuízo, que continuará pola tarde coa declaración do acusado, César Adrio

Cinco homes e catro mulleres comporán o xurado popular que xulgará a César Adrio, o home acusado de matar a coiteladas a Ana Enjamio, unha moza de Boqueixón, en decembro de 2016 en Vigo.

A selección do xurado, que completan un home e unha muller como suplentes, ocupou toda a mañá da primeira xornada do xuízo, que se debía celebrar o pasado 14 de novembro e que se suspendeu por unha cuestión formal relacionada precisamente con este trámite.

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra acollerá a vista oral a partir desta tarde, cando está prevista a declaración de César Adrio.

A Fiscalía pide para o acusado unha pena de 27 anos de cárcere polos delitos de asasinato, cos agravantes de aleivosía e ensañamiento, e de acoso.

A Xunta, que exerce a acusación popular, eleva a petición de pena a 33 anos polos delitos de asasinato, outro de acoso ou subsidiariamente acoso ilexítimo, e outro delito por vulneración da intimidade.

Ademais da pena de cárcere, a Fiscalía pide para o acusado unha orde de afastamento dun radio de 500 metros respecto dos domicilios dos pais e irmán da vítima, así como a eles mesmos onde queira que se atopen durante dez anos por encima da pena de prisión que se lle impoña.

Como responsabilidade civil, pide que indemnice a cada un dos pais da vítima con 200.000 euros, e ao seu irmán con 50.000 euros, en concepto de dano moral ocasionado a cada un deles.

No seu escrito de acusación, a Fiscalía fai constar que Ana Enjamio iniciou unha relación sentimental con César Adrio. aos dous meses de coñecelo na empresa Grupo Cablerías, no Porriño, na que ela empezou a traballar a mediados de 2015.

Tamén relata que o acusado, casado e con dous fillos de pouca idade, foise a vivir coa vítima durante uns meses, ata que ela decidiu romper a relación, o que el "non aceptou".

César Adrio. tratou de convencela a miúdo de que volvesen estar xuntos, a pesar de saber que ela reiniciara unha relación cunha exparella.

Sostén o fiscal que o acusado chegou a obsesionarse "completamente" coa vítima, ata o punto de confesarlle a algúns amigos e coñecidos que rompera a súa familia por estar con ela e se non estaba con el, tampouco ía estar coa súa nova parella.

CRIME TRAS A CEA DE NADAL. O 16 de decembro de 2016 celebrouse a cea de Nadal da empresa na que traballaban vítima e acusado, na que ela lle pediu que a deixase en paz e que se marchara.

Ana Enjamio foise con tres amigas e tras elas saíu o acusado, quen se apresurou para chegar antes que a vítima ao seu edificio.

Cando ela abriu o portal, o acusado abordouna e logo dunha breve discusión ameazouna cunha arma branca cunha folla duns 11 centímetros de lonxitude e uns 2 centímetros de anchura.

Entón acurralouna e obrigouna a ir ata o fondo do portal producíndolle varios cortes, ao principio superficiais, no pescozo, o abdome, un brazo e a roupa, mentres ela pedíalle a berros que a deixase.

28 COITELADAS. A continuación, César Adrio, "co fin de quitarlle a vida", tapoulle a boca cunha man e coa outra clavoulle o coitelo ou navalla repetidamente en varias zonas do seu corpo mentres ela trataba de evitalo coas súas mans, nas que recibiu varias cortadas.

Incide o fiscal en que a acoitelou repetidas veces, ocasionándolle múltiples feridas, e "aumentando brutal e deliberadamente" desa forma o sufrimento da vítima.

Un total de 28 feridas foron cortopunzantes, das cales doce lle alcanzaron o corazón e seis destas atravesáronllo, o que lle produciu un shock hipovolémico que determinou a súa morte instantánea.

Sostén o fiscal que César Adrio. levou o móbil da vítima, do que se desfixo, do mesmo xeito que da arma do crime e da roupa e o calzado que vestía, e que acudiu a casa dos seus pais para ducharse. 

Cinco homes e catro mulleres xulgarán o César Adrio polo crime de...
Comentarios