José González: "Nas listas do paro só estarán aquelas persoas que realmente busquen traballo"

José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración. XESÚS PONTE
Nacido en Ourense en 1970, o actual conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración ten como desafíos dar resposta á escasa man de obra cualificada que demandan diversos sectores empresariais, a modernización das oficinas de emprego, impulsar o pequeno comercio e potenciar lazos coas comunidades de galegos no exterior

A súa vinculación ao sector do viño e o seu coñecemento da realidade do campo foron fundamentais para que a este inspector fiscal lle fose encomendada en 2018 a tarefa de dirixir a Consellería do Medio Rural. Exerceu o cargo ata o pasado mes de abril, cando Alfonso Rueda púxoo á fronte de Emprego, Comercio e Emigración para asumir, deste xeito, os actuais desafíos aos que se enfronta o mercado laboral

De ser o titular de Medio Rural, agora é o máximo responsable de Emprego, Comercio e Emigración. Como se atopa nestas novas competencias?
O principal é ter vocación de servizo público para tentar cambiar sempre a mellor a vida dos galegos e galegas. Esta é unha consellería con necesidade de dar resposta a ámbitos moi importantes e necesitados de ser atendidos, polo que estou moi ilusionado con este novo reto.

Cales son as urxencias deste departamento?
Unha das urxencias é poder atender as demandas das empresas que teñen problemas á hora de atopar traballadores cualificados. É unha realidade que afecta a numerosos sectores e que vivín de preto como responsable de Medio Rural, cando percibín o gran número de explotacións que sofren a falta de traballadores, poñendo en dificultade tanto a súa rendibilidade como continuidade. Tamén é necesario mellorar a empregabilidade dos traballadores a través de programas específicos. En canto ao pequeno comercio, o reto é maiúsculo xa non só a nivel galego, senón tamén estatal e europeo debido á competencia da internet. No referente á emigración, o obxectivo é seguir mantendo e potenciando lazos coas nosas comunidades no exterior. Tamén trasladar a todos aqueles que no seu día se tiveron que ir de Galicia que, na actualidade, esta é unha terra de oportunidades, polo que se tanto eles como os seus descendentes queren volver, que saiban que nesta comunidade estamos dispostos a recibilos cos brazos abertos. 

"A firma do acordo de actividade será obrigatoria para as persoas que queiran continuar inscritas como demandante de emprego"

O Consello da Xunta aprobou esta semana unha serie de medidas para reforzar o programa de seguimento da demanda de emprego. Cal é a finalidade?
O obxectivo é que nas listas de demandantes de emprego só figuren aquelas persoas que realmente están a buscar traballo de forma activa. Por iso cremos que é clave afinar as listas.

Como pensa implementar estes cambios?
Estamos a traballar na mellora e modernización das oficinas do Servizo Público de Emprego para mellorar a súa eficacia. Un exemplo diso son as obras que se acaban de finalizar na de Lugo e que forman parte deses 1,6 millóns de euros que a consellería ten reservados para completar durante 2025 a mellora das 54 oficinas de emprego galegas. O seguinte paso é dar aos traballadores destas oficinas, que por certo fan un traballo extraordinario, as mellores ferramentas posibles para poder adecuar a demanda á oferta existente. Para iso, estamos a implantar unha ferramenta baseada na intelixencia artificial —Emi— que axustará en tempo real as demandas de man de obra das empresas ás persoas demandantes rexistradas nas listas.

Insistía antes na necesidade de afinar esas listas nas que hai rexistrados 122.000 demandantes de emprego. Como o farán?
Todas aquelas persoas que figuren rexistradas como demandantes de emprego terán que asinar un acordo de actividade. É algo que nos parece de sentido común, xa que se alguén está anotado na lista do paro e nós ímoslle axudar a mellorar a súa empregabilidade, esa persoa tamén ten que asumir o compromiso de, canto antes, estar a traballar.

Que lles ocorrerá a quenes non asinen ese acordo de actividade?
A firma deste compromiso é obrigatoria se a persoa quere continuar inscrita nas listas e recibir as correspondentes axudas e prestacións asociadas. En todo caso, creo que é importante sinalar que estas medidas non van contra ninguén, senón que o único que buscamos é que as persoas que estén nas listas estén comprometidas coa busca activa de emprego. Falo de aceptar a oferta formativa, un itinerario personalizado para a súa inserción laboral e por suposto aceptar un posto de traballo axeitado as súas características.

"Os polos de emprendemento xogan un papel fundamental no acompañamento das persoas que buscan emprender no rural"

Os orzamentos para 2025 prevén unha taxa de paro do 9,1%, aínda que no último trimestre este indicador sitúase no 8,8 por cento. Ve posible que haxa que revisar esta cifra á baixa?
Son pouco amigo de falar de estatísticas laborais a curto prazo. O que sucede nestes momentos, máis importante que se o paro baixa un punto máis ou menos, é que hai unha demanda unánime por parte de moitos sectores de que falta persoal cualificado. Ademais, a situación empeorará vendo a xente que deixará de traballar por xubilación. Por iso hai que ver como cubrir esas necesidades e aí si que digo que se non somos capaces de cubrir esa demanda coa xente que hai en Galicia, pois deberemos buscala fóra.

O autoemprego supón unha saída laboral para moitas persoas. Como se apoia aos emprendedores?
Galicia está por enriba da media nacional en canto a autónomos. Pero temos por diante retos como o da substitución xeracional en sectores como o pequeno comercio ou explotacións agrogandeiras, entre outros. Os polos de emprendemento xogan un papel fundamental para acompañar a esas persoas que queren emprender no lugar. Agora, estes 15 polos que hai en Galicia débense consolidar e mellorar a súa coordinación non só entre si mesmos, senón tamén coas diferentes entidades que teñen que ver co emprendemento.

O pequeno comercio tamén se enfronta a moitos retos.
O comercio ao miúdo enfróntase a moitas dificultades non só en Galicia, senón en toda Europa. Debemos buscar que a xente non só busque comprar nas vilas, senón que ese proceso sexa unha experiencia de compra, que teña unha implicación lúdico-cultural e mesmo turística. Neste sentido, co proxecto Vilas Vivas pretendemos recuperar aquel posicionamento que tiñan as cabeceiras de comarca como centros dinamizadores das súas contornas. Tamén buscamos dar ese mesmo compoñente ás prazas de abastos a través do impulso do selo Mercados Excelentes. 

"O programa Vilas Vivas busca que a compra no comercio ao miúdo sexa unha experiencia lúdica, cultural e turística"

José González. XESÚS PONTE


"É necesario axilizar a homologación de títulos académicos"

O programa Galicia Retorna xa logrou o regreso desde 2022 de 30.000 galegos no exterior. Que valoración fai?
Creo que Galicia é unha terra de oportunidades e estas cifras demóstrano. Ademais, a quen critica a elevada idade destes retornados, débolles dicir que o 60% desas persoas son menores de 45 anos, polo que sen dúbida é unha iniciativa de éxito.

Cales son as demandas da Xunta en canto a facilitar a integración laboral destes retornados?
En moitos casos son españois ou descendentes directos que retornan, polo que os trámites para a súa regularización son moito máis sinxelos. Aínda así, é necesario unha maior axilidade á hora de homologar as súas titulacións académicas.

"A consellería ten asignados 1,6 millóns de euros para a modernización das oficinas de empregro durante o exercicio de 2025"

A procura de talento no exterior é a finalidade de varios programas que xa teñen en marcha.
O noso obxectivo é buscar fóra a esas persoas que queiran vir traballar aquí e ir a buscalas da man das propias empresas, co fin de que cheguen aquí nunha situación regular e xa cun compromiso firme de traballo. Este é un dos obxectivos cos que a finais de febreiro participaremos en feiras de emprego en Arxentina ou Uruguai. Todo isto non evita que teñamos outros programas enfocados a reter o talento que xa temos aquí e evitar que se marche a outros lugares.

Que se pode facer con esa emigración que chega de xeito irregular?
É necesario que se axilicen os trámites para que aquelas persoas que veñen en disposición de traballar poidan facelo canto antes. Galicia é unha terra acolledora, pero tamén é certo que por parte do Goberno central bótase en falta unha verdadeira política migratoria que evite este tipo de situacións.