Alfonso Gómez, alcalde de Xenebra: "A maioría dos xenebrinos que temos o pasaporte suízo temos orixe estranxeira"
Cormelán e xenebrino a partes iguais, Alfonso Gómez Cruz (Ponteceso, 1960) presume da "riqueza" que supón ter dúas patrias cun acervo cultural tan fondo como Galicia e Suíza. Pasou a primeira infancia cos avós na Costa da Morte e tiña cinco anos cando pisou por primeira vez a Confederación Helvética. A súa infancia discorreu a cabalo entre as dúas terras ata que aos 14 se estableceu cos seus pais nunha vila na que este fillo do franquismo, que aprendera que dalgúns temas cumpría "falar en voz baixa", vería xermolar o seu amor pola política ao calor da "intensa vida asociativa" e do clima favorable ao debate que imperaban no país dos referendos. "Aquí podíase ir a manifestacións, repartir panfletos... Encantoume. E axudoume a desenvolver o afán que traía comigo. O meu avó era mestre republicano. Estivo perseguido, foi destituído e pasou unha tempada no cárcere. Levaba moi dentro o afán da liberdade, a república e a democracia. Na hora de comer, cando chegaban as noticias, a miña avoa levantábase e pechaba as ventás porque el facía certos comentarios", rescata da memoria o alcalde de Xenebra.
Chegou ao cargo por primeira vez no 2023 e agora, nun segundo mandato, repite por Os Verdes como maire dende xuño do 2025 ata finais do vindeiro mes de maio, sendo, ademais, o responsable dos departamentos de finanzas, medio ambiente e vivenda. Como parte do consello administrativo deste municipio de máis de 208.000 habitantes, Gómez asume a súa quenda de alcalde, unha responsabilidade na que se alternan os cinco membros deste goberno colexiado que se renova cada lustro trala chamada ás urnas.
En España, o feito de que varios partidos poidan gobernar xuntos e chegar a acordos é un reto de primeiro nivel. Con este sistema, que tamén se aplica no Consello Federal que rexe a confederación, estades condenados a entendervos...
Absolutamente. Aquí desenvolvemos a noción do compromiso de traballar xuntos. Un non pode estar de acordo con todo, pero hai que saber elixir cal é a loita máis importante. Dito isto, seguramente sexa máis fácil nunha vila que ao nivel da Confederación. En Xenebra somos cinco, dous ecoloxistas, dous socialistas e unha demócrata cristiá, coa que temos traballado ben. Somos elixidos por un sistema maioritario e sempre se deixa un sitio, entre os cinco, para o grupo minoritario, que ata agora era a dereita. Na Cámara lexislativa hai sete partidos e 80 membros elixidos directamente pola cidadanía mediante un sistema proporcional. Son tres partidos de esquerdas e catro de dereitas. Estes son moi contraditorios entre eles, o que fai que a esquerda teña, relativamente, o goberno da cidade.
Na súa investidura non faltaron as gaitas da Irmandade Galega na Suíza. Pesa a morriña?
Máis que morriña, teño a sorte de sentir que pertenzo a dúas culturas. As gaitas xa soaron tamén fai dous anos cando asumín o cargo por primeira vez. Daquela, tocaran o himno de Xenebra e o certo é que gaita galega quédalle moi ben [relata, entre risas]. Pero é que aquí hoxe a metade da poboación non ten o pasaporte suízo. E, da outra metade que si o temos, unha moi grande maioría temos orixe estranxeira polos nosos pais. O ADN da nosa cidade confórmano achegas moi diversas. Ademais, sempre foi moi internacional. Dende o final da Idade Media foi unha cidade de comercio e feiras moi coñecida. Nos séculos XVIII e XIX abriuse moito aos refuxiados protestantes. E logo tamén estivo marcada polo comercio internacional e pola súa achega humanitaria, coa creación da Cruz Vermella e ao acoller negociacións internacionais antes de que recalase aquí a segunda sede das Nacións Unidas. Ao final da Guerra de Independencia entre Estados Unidos e Gran Bretaña, leváronse a cabo negociacións aquí. Esta é unha cidade aberta ao multilateralismo e ao dereito humanitario. Hai máis de 450 oenegués representadas. Nun momento no que o multilateralismo está sendo atacado, sempre digo aos embaixadores que se o Goberno americano non desexa facer conferencias en Nova Iork, aquí temos todo.
[Traballo e progreso. É a síntese da traxectoria de Alfonso Gómez e os seus pais, Perfecto Gómez Blanco, Tuto, e Milita Cruz Cousillas. Fixeron a maleta no 1961. El rondaba os 25 e ela non chegaba aos 20. "Era case unha viaxe de noivos", reflexiona o fillo. Sen contrato de traballo, que daquela "manexaba" o Goberno de Franco, entraron ao país procedentes de París pola localidade fronteiriza de Vallorbe. "Dixéranlles que por alí había menos controis". Cuns rudimentos de francés inculcados polo avó mestre, foron para Berna, onde chocaron coa barreira do alemán. Logo, o destino fixo que un cormelán lles dixera que en Xenebra había traballo. Eran os 60, "Suíza estaba en pleno auxe económico e precisaba man de obra".
Nos 30 anos nos que o matrimonio levantou a súa vida, Tuto, que comezou no eido da limpeza industrial de grandes construcións, acabou sendo responsable de mantemento de complexos como a Organización Internacional do Traballo (OIT). Milita, que tamén se iniciou na limpeza dun grande almacén, destacou por "aprender moi rápido o francés" de xeito que "nunhas semanas puxérona no sector da venda, o que lle encantou". De aí saltaría á banca, ao facer cursos de informática cando a tecnoloxía comezaba a desenvolverse, e logo tamén á OIT. "Tiñan moita vontade e foron progresando", relata o fillo.]
No 2024, uns 34.100 galegos maiores de 18 estaban afincados en Suiza. Seguen chegando paisanos aló?
Si, pero o tipo de emigración cambiou. Hai varios técnicos que viñeron traballar para o Cern —a Organización Europea para a Investigación Nuclear—. Tamén veñen enfermeiros e outros perfís cualificados que precisamos. Pero non vén xente nas proporcións do pasado. Ademais, agora as condicións son moito máis difíciles para emigrar. Xenebra ten dous problemas: un certo nivel de paro, que fai que haxa unha certa pechadura por parte das autoridades de cara á migración e, logo, está o problema da vivenda. Os salarios son elevados, pero tamén o son os gastos. Quizais hoxe non sexa tan lucrativo emigrar.
Cando chegue a xubilación, quedará aí ou virá para Corme?
Penso que estarei entre os dous lugares. A xubilación non me chegará polo menos ata dentro de catro anos, pois temos por diante este novo mandato. Penso que poderei estar moito máis tempo en Corme. Hai moito tempo que non paso un ano enteiro alá. Á miña muller, que é suíza, encántalle Galicia. Eu son moi galego. Non é que estea dividido nin cun trauma. Para min é unha riqueza. Alá estou na casa, cos primos, os amigos da mocidade e aquí, tamén. Ademais, agora ando moito pola rúa e gústame falar coa xente dos seus problemas. Aquí os políticos, alomenos a nivel municipal, temos unha acollida relativamente boa. Aínda que sempre podes encontrar a alguén que non está contento [rise].
[Aos mandos dunha vila que, lonxe da aséptica 'neutralidade política' atribuída a Suíza na escea internacional, ten adoptado "posicións moi firmes" na defensa do dereito humanitario ante o xenocidio en Palestina ou os conflitos do Congo ou Sudán, Gómez, que militou no Partido Socialista antes de incorporarse aos Verdes, foi director financeiro do Departamento de Instrución Pública do Estado de Xenebra e director adxunto do Conservatorio Popular de Música, Danza e Teatro. Tamén traballou como auditor en banca antes de enrolarse no Comité Internacional da Cruz Vermella. Como delegado-administrador, percorrería Irán, o Corno de África, o Cáucaso, Asia Central ou a ex-Iugoslavia, en diferentes misións.]