Ana Pontón: "O BNG ten moitas posibilidades de aglutinar unha nova maioría social. O que tocou teito é o PP"
As ganas de "contribuír a mellorar o mundo" e a convicción de que "os galegos mereciamos máis" espertaron a conciencia política desta filla de nai gandeira e de pai traballador da fábrica de cemento de Oural aos 16 anos e levárona a facerse militante de Galiza Nova, unha vocación que logo alicerzou licenciándose en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Ana Pontón (Sarria, 1977) deu os seus primeiros pasos na organización xuvenil dun BNG do que tomaría as rendas con 38 anos, converténdose na primeira muller en asumir a portavocía nacional. Facíao o 28 de febreiro de 2016 co Bloque en horas baixas logo da caída do bipartito no 2009, á que seguiría a ruptura interna na Asemblea de Amio no 2012 e a cristalización de novas plataformas de esquerdas ao calor do movemento dos indignados do 15-M.
En dez anos, foi quen de levar ao BNG ata os seus mellores resultados, endereitando o rumbo a partir do 2020 a nivel autonómico logo de cinco convocatorias electorais nas que foran perdendo votos. Cales foron as claves da remontada?
Este é un traballo colectivo dunha grande organización, o BNG, que ten miles de militantes e simpatizantes que traballan día a día. Endereitamos o rumbo situando claramente ao Bloque como un proxecto que defende os intereses de Galiza, da maioría social, reconectando cunha cidadanía que buscaba outras alternativas. Sinto unha tremenda emoción ao ver como, dez anos despois, somos a alternativa real fronte ao Goberno do Partido Popular. O trunfo con Altri fainos estar máis preto dese obxectivo, que é que este país teña por primeira vez un Goberno liderado polo BNG que nos permita darlle un futuro mellor aos galegos e galegas, facerlle fronte á crise da vivenda e crear un modelo de desenvolvemento que poña a riqueza ao servizo do país. Imos traballar con máis empeño, se cabe, para que ese cambio se produza en Galiza.
En que medida esa recuperación é atribuíble tamén a que marcas que xurdiron da Asemblea de Amio e do movemento cidadán do 15-M se foron esborrallando?
Nunca creo que os deméritos dos demais sexan os nosos éxitos. Houbo momentos en que había outras forzas que baixaban e iso non significou que nós subiramos. Detrás da posición do BNG están os nosos acertos. Que fosemos capaces de recoñecer erros, de seguir sumando e abrindo o BNG, de ter unha mensaxe dirixida ás maiorías sociais e, sobre todo, de demostrarlles aos galegos que temos un proxecto para mellorar as súas vidas. Queremos acabar co despropósito da lista de espera para ir ao médico de cabeceira e defendemos un modelo centrado en poñer en valor os nosos sectores produtivos, en apostar pola ciencia e a innovación, polos dereitos sociais e a defensa dunha vellez digna. Amosamos que hai outra forma de facer política apartada do espectáculo dantesco no que se está convertendo a política estatal. Os galegos ven seriedade, rigor e unha alternativa transformadora.
"Os votos non son dos partidos, son das persoas, que en cada proceso electoral deciden a quen darlle a súa confianza"
¿E cal diría que foi o peor momento nesta década?
Teño bos momentos, moitas alegrías compartidas. Cando un loita polas súas ideas, por aquilo que defende, sempre vai adiante. Nestes dez anos, o BNG non deixou de medrar, proceso tras proceso electoral incorporamos nova miltancia e máis simpatizantes. Teño tendencia a quedar sempre co positivo, porque creo que iso é o que nos fai avanzar. Pero, a ver, a campaña do 2016 foi moi complicada. Iamos con moita ilusión, pero lembro que as enquisas nos daban cada día un resultado peor. E eu dicía: "Deixade de pasarme 'tracking'!". Eu palpaba que volvía haber algo en torno a BNG. Palpabámolo na campaña. Tamén recibías moitos inputs negativos, pero estaba convencida de que, cun discurso claro, dirixido ás maiorías sociais, o BNG tiña un futuro prometedor por diante.
Cunha traxectoria como deputada dende 2005, ¿esa remontada serve de catalizador para frear o desgaste que pode supor estar na oposición?
Polo medio tamén estivemos no goberno.
Certo, durante o bipartito.
Creo que neste momento quen ten desgaste é o Partido Popular. Nos últimos procesos vén tendo un descenso continuado en Galiza. Nas pasadas eleccións, na principal cidade o BNG conseguiu superar o PP [en alusión ao resultado colleitado en Vigo nas autonómicas do 24]. Vexo que hai unha maioría social que quere cambio. Temos o reto de coller da man a todas os galegos que pensan que Galiza merece máis para dicirlles que a súa alternativa é o BNG.
Entón, eses 25 deputados, non son o teito do BNG?
Cando hai seis anos sacamos 19 escanos, non paraba de escoitar que o BNG tocara teito. E sempre dixen que non. Chegamos aos 25 e volvo escoitar o mesmo discurso. O que sinto é que estamos ante un BNG que está no mellor momento da súa historia e que quen tocou teito é o Partido Popular. Quen ten moitas posibilidades de seguir aglutinando unha nova maioría social en Galiza é a forza que teño a honra de representar. Estou convencida de que en dous anos o cambio que empezou nestas eleccións acabará de consolidarse.
Ven opcións de pescar votos nos caladoiros do PPdeG e do PSdeG?
Os votos non son dos partidos, son das persoas, que en cada proceso electoral deciden a quen darlle a súa confianza. Teño a certeza de que cando explicamos que queremos unha tarifa eléctrica galega, defender os nosos sectores produtivos e que haxa unha maior transformación deses produtos e cando dicimos que queremos que a vivenda non sexa un negocio, a maioría dos galegos está de acordo connosco. O noso obxectivo é seguir transmitindo que somos unha forza preparada para gobernar. É posible outra Galiza, con máis calidade de vida, porque temos todo para ser un país onde a xente vexa que hai oportunidades. O problema é que temos un goberno que, en vez de traballar para poñer esa riqueza ao servizo da xente, traballa para que catro multinacionais se forren. Acabamos de velo en Muras, onde un alcalde do BNG fixo o que non é capaz de facer Rueda: negociar cunha eléctrica e poñer a electricidade ao servizo dos seus veciños.
A nivel discursivo, o BNG pon máis énfase nos problemas do día a día das persoas que no que poden ser os principios ideolóxicos como a procura da soberanía nacional de Galicia...
Sempre digo que non se poden separar as dúas caras da mesma moeda. Para min, ter maior capacidade de decisión significa ter maior posibilidade de mellorar a vida das persoas. Podémolo entender, por exemplo, en que se temos a chave dos nosos cartos imos ter máis recursos para a sanidade ou a educación. Se temos competencias para definir como é o noso litoral, poderemos ordenalo dunha forma que se axeite ás necesidades de Galiza. Se temos as competencias sobre o ferrocarril, poderemos facer un deseño que responda ás necesidades que temos e non unicamente enfocado a chegar moi rápido a Madrid, que semella a única preocupación que teñen as forzas estatais, cando o gran cambio de paradigma sería que tiveramos todas as cidades conectadas cun tren rápido. O centralismo é letal para nós porque o que está facendo é absorber recursos.
Que obxectivos se marca o BNG de cara ás municipais?
Temos un modelo municipal de éxito. Creo que nos concellos nos que goberna o BNG vese que hai impulso, transformación e políticas novas. O noso obxectivo é estender ese modelo de éxito ao maior número de concellos. Queremos incrementar alcaldías, incrementar a representación.
Neste semestre prevén ter claros os cabezas de lista nas cidades.
Efectivamente. E haberá outros lugares nos que ese proceso tamén se vai iniciar.
"Cun deputado e unha senadora logramos máis que os outros 22 deputados que están ao servizo do PP e do PSOE "
Haberá sorpresas? Penso en Pontevedra, por exemplo.
Lores xa anunciou que vai ser novamente candidato. E creo que é unha gran noticia para Pontevedra, porque ten un proxecto a longo prazo. A cidade non sería a mesma sen o impulso que se lle deu nestes anos. Está nun gran momento, porque é unha persoa cunha vitalidade enorme e cun amor incrible por Pontevedra. Segue tendo o pulo necesario para impulsar unha segunda gran transformación na cidade.
E como ve en Lugo a Rubén Arroxo?
Creo que será un grande alcalde a partir das próximas eleccións. Nestes anos, o BNG demostrou en Lugo que ten un proxecto de cidade, que ten un proxecto transformador. É unha persoa con enorme potencial, que ten a cidade na cabeza e moitos proxectos transformadores. Necesitamos poder estar á fronte do concello para darlle o impulso que precisa.
Revalidarán a confianza en Goretti Sanmartín en Santiago?
Goretti e o equipo de goberno están facendo un traballo moi importante nunhas condicións moi complicadas, porque temos unha oposición que quere paralizar a cidade, que está votando en contra dos intereses dos veciños. Necesitamos darlle máis forza a Goretti para que Santiago poida seguir avanzando.
Haberá un achegamento de cara ás locais con forzas como Anova ou Compromiso por Galicia, que teñen representación nalgún concello?
No BNG sempre temos abertas as portas a todas as persoas que queiran sumarse ao proxecto, que queiran traballar polo ben do país. Portas abertas para todas aquelas persoas que leven Galiza na cabeza e no corazón e que queiran traballar dende este proxecto.
"Para facer o que quere Rufián, o máis útil é apoiar o BNG"
Que nota lle poría ao Goberno de Pedro Sánchez no cumprimento da axenda galega á que o BNG condicionara o seu apoio na investidura.
Non lle diría unha nota, senón que se avanzou en cuestións importantes como modernizar as liñas de ferrocarril entre Lugo e Ourense e entre Lugo e A Coruña, aínda que é insuficiente. Hai acordos que se están cumprindo e cuestións como facer un estudo para conectar Lugo con Santiago vía tren nas que se avanza. Avanzamos en descontos históricos na AP-53 e a AP-9; na revalorización das pensións máis baixas; en estender as baixas por maternidade... Hai un acordo que sitúa a Galiza na axenda estatal e que está sendo beneficioso, aínda que nalgúns puntos o Goberno debe acelerar o cumprimento. Cun deputado e unha senadora conseguimos máis por Galiza que os outros 22 deputados ao servizo de PP e PSOE, que fan o que lles mandan as súas direccións madrileñas, pero non defenden os intereses deste país.
Vendo os exemplos de Estremadura e Aragón. Temen un ascenso de Vox en Galicia?
En Galiza temos un mapa político moi diferente ao do Estado español. Vox non ten nin un só representante neste país: nin nas Cortes, nin no Parlamento galego, nin nos concellos. Isto é mérito da sociedade galega. Unha forza política en contra de que exista o noso idioma non casa moi ben coa forma que temos os galegos de entender o mundo. Pero, se analizamos o que está pasando noutras partes de Europa, vemos como hai sectores sociais que antes votaban forzas de esquerda que están indo recalar á extrema dereita. En Galiza, isto non pasa, igual que non pasa na mesma intensidade en Euskadi ou Cataluña, porque hai unhas forzas coma o BNG que seguen representando eses sectores. Somos un muro de contención fronte ás dereitas. Vox é o PP cuns poucos máis decibelios.
Entendo, entón, que o BNG non considera sumarse a ese proxecto de confluencia de forzas de esquerdas que estes días propuxo o voceiro de Esquerra no Congreso...
Eu respecto moito a Gabriel Rufián. Téñolle estima. En fin, é unha persoa que ten as súas motivacións e preocupacións. En todo caso, en Galiza xa temos unha fronte ampla para defender os dereitos sociais e, ademais, o noso país, que é o BNG. E, aquí, todo o mundo que queira defender a democracia e a Galiza ten cabida. O máis útil para facer, precisamente, o que quere Gabriel Rufián é apoiar o BNG.
Chegou a contactar convosco?
Persoalmente, non.
"Con Altri, o Goberno galego fiouno todo a un proxecto que era fallido"
O PPdeG bótalles en cara que fomenten a través da CIG o conflito nas rúas en torno á situación da sanidade, a educación ou os servizos sociais. Que responde a quen di que o Bloque promove o conflito meramente con fins políticos?
O Partido Popular ten sempre unha dobre vara de medir. Gústanlle as mobilizacións que convocan con Vox na Praza de Colón, pero moléstalle que a cidadanía deste país defenda a sanidade e o ensino público, que diga que a xente maior non é un negocio para que uns cantos se fagan ricos e que hai que tratar con dignidade ás traballadoras da dependencia. Está ben ver o PP facerlle oposición ao BNG. Estanse preparando para o futuro, para facer oposición neste país. Se todo o esforzo que lle dedican a criticar o BNG o dedicasen a gobernar ben Galiza, mellor nos iría.
Cinco anos despois de que o expresidente Feijóo anunciara o complexo de Altri como o principal proxecto tractor que ambicionaba a impulsar con fondos europeos, este non vai adiante. Agardaban esta resolución?
Hai tempo que veño dicindo que Altri era un proxecto que estaba morto, fundamentalmente porque a cidadanía galega de maneira masiva dixo "Altri non, Galiza si". O que isto demostra é a vitoria da dignidade fronte a un Goberno do Partido Popular que estaba facendo de comercial dunha empresa que ía a instalar unha bomba ambiental no noso país. Polo tanto, é unha vitoria do pobo galego e unha derrota do PP. Querer que aquí se instalen as empresas que non queren en ningún outro lugar, o único que demostra é ata que punto o Goberno galego non ten proxecto industrial para Galiza.
Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso planteado polo BNG para ter acceso ao memorando que asinara a sociedade Impulsa Galicia con Altri para impulsar o proxecto. Ides de seguir adiante co procedemento xudicial?
Home! É que temos dereito a saber a verdade. Temos que saber por que se está ocultando un memorando que a Xunta asinou con Altri. Se o ocultan é porque saben que ese memorando non é presentable, que beneficiaba a empresa portuguesa e ía en contra do interese de Galiza. Detrás disto o que vemos é a grande irresponsabilidade do PP, que fiou todo a un proxecto que era fallido e, polo tanto, tamén deixa atrás a Galiza á hora de recibir proxectos industriais que sexan proxectos de futuro.
O alcalde de Palas manifestábase preocupado polo futuro da comarca, polo seu futuro empresarial e industrial. Di que teme que outros proxectos renuncien a instalarse na zona...
A Ulloa é unha comarca moi viva. Que ten proxectos empresariais moi importantes, pero son proxectos ecolóxicos, son proxectos que están xerando emprego. O que é unha gran noticia para a comarca é que non lle poñan a unha bomba ambiental que ía hipotecar as pequenas e medianas empresas que hai e que teñen unha potencia enorme. Paréceme incrible como o Partido Popular non ve que detrás desas empresas que hai nesa comarca ou detrás do medio rural temos un futuro inmenso. O grave é querer estragar todo ese futuro para beneficiar unha empresa portuguesa que, ademais, está claro que viña aquí porque en Portugal hai unha moratoria do eucalipto. E que quería é instalar aquí as empresas que non queren en Portugal. Este é un momento para sentir un tremendo orgullo dun pobo que se organizou, que se mobilizou e que conseguiu torcerlle o pé a unha empresa e a un Goberno do Partido Popular que nos querían impoñer un proxecto que era unha ameaza e unha hipoteca para o noso futuro. Digo "Galiza un, Partido Popular cero".