Enquisa da Xunta: máis da metade das familias non percibe discriminación lingüística

Presentación do estudo. EP
Unha enquisa encargada polo Goberno galego a Sondaxe reflicte unha "ampla aceptación" do bilingüismo cordial 

Unha maioría das familias percibe unha convivencia harmónica entre o galego e o castelán. Segundo a Enquisa Percepción Social do Galego, elaborada por Sondaxe por encargo da Xunta, o 53,6% das familias que utilizan ambas linguas consideran que non hai discriminación idiomática na comunidade.

A sondaxe foi presentada este xoves na Cidade da Cultura polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; e o coordinador do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, Manuel González. A investigación baseouse en 1.200 entrevistas a familias con fillos en idade escolar tanto de primaria como de secundaria. 

Con esta presentación, a Xunta fixo a entrega oficial dos primeiros documentos de traballo a Manuel González, que servirán como "ferramenta de traballo xunto cos datos publicados polo IGE e as recomendacións da Carta Europea das Linguas Minoritarias". 

Segundo os datos, o 52,4% das familias galegofalantes non perciben discriminación idiomática, cifra que ascende ao 69% entre os castelanfalantes. Ademais, o 94,5% dos pais aseguran que os seus fillos saben falar galego, mentres que o 67,5% das familias indican que os pequenos o empregan habitualmente. Pola contra, un 31,1% dos menores comunícanse só en castelán.

Case oito de cada dez familias responden en galego cando se lles dirixen no idioma

A enquisa reflicte unha "ampla aceptación" do chamado bilingüismo cordial. O 77% das familias afirma responder en galego cando se lles dirixen nesa lingua, mentres que o 83,7% fai o mesmo en castelán.

Sobre o uso do galego no ensino, o 62,8% das familias están "satisfeitas" ou "moi satisfeitas" coa situación actual. Entre as familias que usan galego a diario, a satisfacción media é de 6,51 puntos sobre un máximo de 10, mentres que entre as que empregan ambas linguas é de 6,40, e de 6,07 entre as castelanfalantes.

En canto ás preferencias sobre o galego nas aulas, máis da metade  das familias que realizaron a enquisa –o 55,2%– manterían a situación actual mentres que un 26,9% desexaría unha maior presenza do idioma. Pola contra, o 6,6% reduciría o seu uso.

A transmisión familiar e as novas plataformas: chaves para o galego

Manuel González alertou sobre a perda da transmisión familiar da lingua, destacando que "só un 7% dos que aprenden galego fóra do fogar o seguen falando de adultos", fronte ao 90% daqueles que o aprenden no seo familiar.

O mesmo estudo inclúe suxestións para fortalecer o uso do galego na sociedade. Entre elas destacan a incorporación do galego en videoxogos e aplicacións educativas, a organización de concursos para que os nenos creen contido na lingua propia, a promoción de programas en plataformas como YouTube ou Twitch, e o reforzo da aprendizaxe do galego para persoas nadas fóra de Galicia, cada vez máis presentes e arraigadas na comunidade.

O PSdeG critica "a propaganda" de Rueda

O PSdeG acusou o PP de "atrancar o uso do galego en Europa", mentres en Galicia "fai propaganda" cun pacto "sen compromisos reais". Os socialistas, por medio do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, criticaron que o PP bloquease o recoñecemento do galego como lingua oficial no Parlamento Europeo, e anunciaron que interpelarán ao conselleiro de Cultura no Parlamento galego para que explique a posición do goberno autonómico.