Víctor Fernández Freixanes: "O galego precisa unha política de apoio que non ten"
Facer moita "pedagoxía social" para que o galego sexa unha lingua "viva" na escola, mais tamén nas redes sociais, nos medios, no ocio, nas empresas e "na conciencia das familias" é o gran reto que temos por diante, segundo o presidente da Real Academia Galega (RAG). Malia recoñecer que o galego deu pasos "xigantescos en prestixio e recoñecemento", o escritor, editor, periodista e mestre de xornalistas Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) avisa aos políticos de que lles toca "predicar co exemplo" e non reservar a lingua só "para os discursos".
A RAG era consciente da preocupante situación do galego, notablemente entre os máis novos, antes de que o Ige publicase a súa radiografía? Semella que sen ese baño de realidade ninguén reaccionaría.
A través do Seminario de Sociolingüística, a RAG vén traballando dende hai anos en informes sobre a situación da lingua. Centramos os traballos en toda Galicia e en distintas xeracións, pero tamén puxemos o foco en Ames por ser un concello a cabalo entre o mundo rural e unha cidade como Santiago. O que saíu no Ige, a Academia vén detectándoo e poñéndoo enriba da mesa dende hai anos. Non nos pilla de novas. Por outra banda, na Coruña, no Día das Letras Galegas de 2024, dedicado a Luísa Villata, eu mesmo falei nunha longa intervención da necesidade dun pacto pola lingua. Creo que foi a primeira vez que, dun xeito público, se falou disto. Tanto é así que estaban alí o presidente da Xunta, o conselleiro de Cultura e o secretario xeral da Lingua e logo falaron comigo de como establecer pontes para que ese pacto fose posible. Evidentemente, a academia ten o papel que ten, de estudo, de análise e de defensa da lingua en toda a súa dimensión.
"Algunhas forzas políticas converteron a lingua nunha retórica e iso a xente percíbeo"
Que lle pediu á Xunta?
Nunha conversa co conselleiro e o secretario xeral da Lingua dixémoslles que se puxeran a analizar os estudos da RAG, do Consello da Cultura Galega, das universidades, da Mesa pola Normalización Lingüística... Todo o mundo está denunciando a situación e non podemos mirar para o outro lado. Teño escrito artigos moitas veces falando da necesidade dun gran pacto entre as forzas políticas, mais tamén entre os axentes sociais, culturais e económicos. Todos teñen que implicarse nun grande encontro e nunha reflexión sobre a significación dun patrimonio histórico e dun capital cultural que temos, que é a lingua galega. O que nos preocupa son os rapaciños e rapaciñas que, sobre todo en municipios como Ames, falan galego na casa e logo van á escola na que socializan entre eles en castelán, a través da televisión, os debuxos animados e os recreos. Hai que sentar e analizar o Plan de Normalización, que ten 20 anos e está sen aplicar no seu 80%. É unha responsabilidade do poder político. Hai que mirar canto cambiou a vida nestes 20 anos con internet, as redes sociais e as novas formas de socialización e tratalo cunha perspectiva nova de futuro para o idioma. A primeira responsabilidade é dos políticos, sobre todo dos que gobernan, pero a segunda é do conxunto da sociedade galega, que non pode mirar para o outro lado.
Fala de que un pacto político é necesario. Semella complicado dadas posicións duns partidos e doutros…
Si. Pero hai tamén unha chamada á responsabilidade dos partidos. Todos terán que ceder algo para conseguir moito. Diante da sociedade galega, vai ser moi difícil que non haxa un acordo de defensa da lingua entre todas as forzas políticas. E se non o hai, quen se poña fóra terá que dar unha explicación. Fago un chamamento a todos. Evidentemente, hai algunhas forzas políticas que converteron a lingua nunha retórica, nunha representación litúrxica nos actos públicos. Logo, na vida de tódolos días o galego non está. Iso percíbeo a xente.
En decembro arrincou o traballo para renovar o Plan Xeral de Normalización do 2004 coa constitución de once comisións e co académico Manuel González na coordinación. O horizonte para acabar o traballo está fixado no 2026. Conviría imprimirlle máis axilidade ao proceso?
Creo que si. Ademais, ten que haber unha dinámica e cónstame que Manuel González está niso. Pero é algo que teñen que responder eles. Nesa comisión non está a Academia. Hai persoas a título particular. Despois, hai outra iniciativa do Consello da Cultura Galega [no que está a RAG] para crear foros de debate nos que haberá posibilidade de que a sociedade civil poida implicarse e discutir. Interésame que o galego estea dun xeito natural cando a xente nova vai ver un partido do Celta, do Dépor ou do Breogán. Interésame que os medios de comunicación, sobre todo os públicos, como a CRTVG, teñan unha implicación activa e máis imaxinativa do que é o uso e a presenza da lingua. E logo hai unha responsabilidade do conxunto da sociedade, dende o profesorado ata os pais e nais.
"Hai que sentar e analizar o Plan de Normalización do galego. Ten 20 anos e está sen aplicar no seu 80%"
Os datos do Ige din que só un 7% dos cativos de 5 a 14 anos fala habitualmente o galego. Cre que é reversible esta situación?
Si. Eu son un urbanita, un rapaz da Pontevedra dos anos 50, na que dominaba o castelán. O galego andaba por alí coma unha flor ventureira. Pero nós acadamos unha toma de conciencia que nos fixo entender que había unha riqueza que non podiamos deixar marchar. Dunha banda, era a memoria dos nosos avós, e doutra, a marca da nosa modernidade entendida como a consciencia de estar presentes no futuro dende nós mesmos, non dende outros. Entendemos que a lingua era un factor máis na defensa desa modernidade e que, ademais, a lingua, que era a dos pobres, tiña que saír de aí. Son profesor e durante moitos anos percibín unha posición moi favorable á lingua. Eu poñía a orella na cafetería da Facultade de Ciencias da Comunicación e vía que a lingua estaba alí. Temos que actuar no conxunto da sociedade, pero o exemplo da vontade política é fundamental. E aí hai moito que facer.
É necesario tombar o decreto do plurilingüismo?
Foi unha concesión absurda a unha polémica falsa que se creou arredor de que estaban impoñendo o galego nas escolas, o cal é absolutamente falso. Non hai máis que ver a realidade. O que nos están impoñendo a todos, aos nosos fillos e aos nosos netos, é o castelán. O galego necesita unha política de apoio que non ten. Nese momento, por un prato de lentellas podres, introduciuse unha fórmula de plurilingüismo que consistía en poñer o galego, o inglés... Nós non estamos en contra do inglés, nin do castelán e estamos a favor do plurilingüismo, porque é unha proba da modernidade. Pero a lingua galega ten que ser a lingua de identidade deste país. A decisión de que non se poidan impartir Matemáticas ou Física e Química en galego é unha maneira de poñerlle unha etiqueta ao idioma. Ese decreto foi un xigantesco fracaso. Ademais, todo o mundo o recoñece, pois non hai máis que ver os resultados. Pois, ese decreto hai que metelo nun caixón e esquecerse del.
"O decreto do plurilingüismo foi un xigantesco fracaso. Todos o recoñecen. Hai que metelo nun caixón e esquecelo"
Bruxelas chamou a atención sobre o incumprimento da Carta Europea das linguas rexionais ao non ensinar Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía en galego...
A Comisión Europea dixo que este era un disparate.
Que vía de acción hai para que a Administración se aveña a cumprir?
Teño a esperanza de que o decreto se vai derrogar, de que o van sacar de aí porque non serve para nada.
O Consello da Cultura Galega fixo unha comparativa sobre as competencias e usos das linguas cooficiais e constatou un maior emprego do galego entre os grupos con ingresos máis baixos e con menor nivel de estudos. É o contrario do que sucede en Cataluña ou no País Vasco. Que falla?
Esta é unha reflexión política que está feita dende hai anos. En Cataluña e no País Vasco hai unha burguesía consciente da súa identidade. Non hai máis que ver os resultados electorais. En Galicia, o galego foi a lingua dos pobres. Recordemos aquel informe dramático do profesor Xesús Alonso Montero, no ano 72. Era a lingua dos que estaban abaixo. Moitos dos que entramos na defensa da lingua fixémolo porque había unha consciencia da necesidade de recuperar a dignidade dos que estaban abaixo. Dito isto, dende a miña infancia ata aquí o galego gañou en prestixio e en recoñecemento. Demos pasos xigantescos. Tampouco nos poñamos en plan suicida e depresivo, que é característico do país. Pero temos que seguir traballando no seu uso práctico.
"Os meus fillos son produto do Xabarín Club e Shin-Chan. Onde está iso agora?"
Está en tramitación a nova lei de medios públicos, que prevé que se poidan producir programas noutras linguas distintas ao galego para dar a coñecer a identidade galega fóra da comunidade. A RAG veo atinado?
Sería un erro enorme, porque a Radio e a Televisión de Galicia naceron para defender e apoiar a lingua. Se ves a oferta audiovisual que chega a todos nós a través das redes e pantallas, o galego ten unha representación mínima. Non soamente hai que traballar a lingua nos medios públicos, senón que hai que traballala máis e aproveitar, ademais, as novas tecnoloxías para potenciar a lingua nos espazos da comunicación dixital en todo o mundo a través das redes. Houbo unha época na que a televisión participaba activamente na produción de cinema en galego. E aí están tamén as dobraxes en galego. Os meus fillos son produto do Xabarín Club e de Shin-Chan. Onde está iso agora? Metido nun faiado que ninguén abre. A lingua ten que ser a lingua dos medios públicos. E estou pensando tamén en Radiotelevisión Española en Galicia. Coa iniciativa privada haberá que facer outro tipo de pedagoxía e incentivos. Pero cos medios públicos non hai ningunha xustificación para querer meter o castelán pola porta
de atrás.
Tamén está o reto de introducir o galego na intelixencia artificial...
A USC está traballando no Proxecto Nós. Hai unha sensibilidade. É un avance importante. Tivemos algunha xuntanza en Madrid coas academias vasca, catalá e valenciá para falar da presenza das nosas linguas na IA. E nós agora imos asinar un convenio co Congreso dos Deputados para que todas as leis que saian aprobadas sexan traducidas ao galego. Vainas supervisar e traducir a propia Academia. Están asinando tamén os vascos e os cataláns. Tivemos unha xuntanza solemne na Cámara e eu defendín que o galego é patrimonio de España e Europa. Hai avances, pero hai que predicar co exemplo, que é o que lle pido aos políticos, sobre todo aos que nos gobernan. Cando a xente se dá conta de que fan unha representación, que non o senten de verdade, iso vólvese contra o idioma.
"Esperamos sacar este ano o dicionario castelán-galego"
A RAG vén de lanzar a nova guía dos apelidos galegos. Confían en que moitos se animen a volver á fórmula non deturpada do seu nome de familia?
É unha ferramenta máis para avanzar, igual que a guía dos nomes. Estamos traballando tamén no dicionario dos apelidos que, ademais de recoller as fórmulas estándar dos apelidos, plasmará tamén a historia. Os nomes de familia son a marca de identidade da estirpe, dos clans... Estamos traballando tamén no dicionario castelán-galego, que esperamos poder sacar a finais do ano e poñelo en rede tamén. Cos recursos que ten a Academia, que comparados con vascos e cataláns son moi poucos, facemos moitas cousas.
Temos o reto pendente de levar o galego ás institucións europeas...
Creo que todo iso se andará. Non son pesimista. O país necesita un pulmón de optimismo para empuxar, pois o pesimismo paralízanos e dálle bazas ao inimigo. Nos pobos que historicamente foron empobrecidos é moi típico ter unha especie de ADN depresivo que nos leva a pensar que non somos capaces. Pero non é así. Se queremos, podemos, con vontade, intelixencia e educación.
